Identificado un home que ofrecía diñeiro a menores en Vigo para acompañalo

A Policía Nacional pide colaboración cidadá por se houbese algunha outra denuncia

Un home foi identificado por ofrecer diñeiro a menores que participaban no festival de deportes e cultura urbana do Marisquiño, celebrado a semana pasada en Vigo, segundo informaron este luns fontes policiais. Trátase dun veciño da cidade olívica de 59 anos, localizado cara ás 17.30 horas deste domingo despois de que un grupo de mozos menores informase a policías de que se achegou a eles e ofreceulles 500 euros se ían con el.

Non foi unha proposta illada, xa que as menores, tras negarse a acompañalo, viron o home dirixirse a outro grupo de mozas para establecer conversa con elas. A Policía Nacional pediu colaboración cidadá por se houbese algunha outra denuncia sobre ese tipo de comportamento.

Os axentes localizaron o home que coincidía coa descrición facilitada polos mozos nas inmediacións dun céntrico e coñecido hotel da cidade. Nun cacheo preventivo de seguridade, os axentes acharon que o individuo tiña diñeiro en efectivo, ademais de chaves dun vehículo convertible.