Intenta un 'simpa' nun restaurante de Pontevedra en Noitevella tras cear marisco e chuleta
Un home de 72 anos foi identificado esta Noitevella pola Policía Local de Pontevedra logo de intentar irse sen pagar dun restaurante da cidade no que ceara e de realizar "condutas inadecuadas" no local, onde se chegou a tirar no chan. A factura da que pretendía desentenderse ascendía a 41,70 euros e correspondía a un menú a base de lagostinos cocidos, centola, chuleta de tenreira, unha copa de viño, torta de Santiago e café.
Así as cousas, segundo explica a Policía, o septuaxenario foi axudado a incorporarse e sentado nunha cadeira, "xa que aparenta estar en certo estado de embriaguez". E cando lle preguntan por que non paga a cea, di que non consumiu nada.
O home asegurou que chegara a Pontevedra en tren. Varias testemuñas din que un taxi o deixou xunto ao restaurante.