Unha invasión do carril contrario puido ser a causa do brutal accidente de Cerceda

Un dos vehículos implicados no accidente de Cerceda. BOMBEIROS DE ORDES
Aínda se está a traballar na "identificación" mediante probas de ADN dos dous falecidos "calcinados" tras a colisión frontal

Unha "invasión do carril contrario" é a principal hipótese que se baralla como causa o accidente de tráfico ocorrido na noite do domingo en Cerceda, no que dous mozos perderon a vida, segundo informou o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.

"Neste momento estamos a traballar coa hipótese dunha posible invasión do carril contrario polo turismo no que ían os dous ocupantes falecidos", detallou en declaracións aos xornalistas este mércores na Coruña. Así mesmo, aclarou que esta é a hipótese "inicial", pero que haberá que esperar ao ateigado para coñecer a causa exacta e apuntou que aínda se está traballando na "identificación" mediante probas de ADN dos dous falecidos que resultaron "calcinados" tras a colisión frontal.

A colisión entre dous vehículos, na que tamén resultaron feridos os dous ocupantes do outro turismo, produciuse á altura do punto quilométrico 3 da estrada AC-413 ao seu paso pola parroquia de Rodís, no termo municipal de Cerceda, pasadas as dez da noite. Segundo fontes de Urxencias de Galicia, as testemuñas do accidente explicaron ao persoal do 112 Galicia que despois do impacto o vehículo no que viaxaban os dous mozos comezou a arder.

Ademais doutros servizos de urxencias, ao lugar do sinistro acudiron os Bombeiros do municipio de Ordes, que sufocaron o incendio do coche e procederon á liberación dunha das vítimas atrapada no interior, xa que o outro novo saíu despedido do turismo.