Investigan a un ancián en Nigrán que abusou sexualmente de varias empregadas do fogar

Foto de arquivo dun membro da Garda Civil. EP
As pescudas iniciáronse por mor da denuncia presentada pola última traballadora que estivera na casa do home, a cal, puxo en coñecemento da Garda Civil o trato degradante e as vexacións das que estaba a ser obxecto

A Garda Civil investiga a un home de 74 anos, veciño de Nigrán, como presunto autor dos delitos de abusos sexuais, trato degradante, ameazas e coaccións a varias empregadas do fogar

Segundo a información da Garda Civil, o home contactou a través de páxinas de anuncios breves cunha coidadora e empregada de fogar, á que, posteriormente, coaccionaba co manter relacións sexuais con ela. 

As investigacións iniciáronse por mor da denuncia presentada pola última empregada de fogar que estivera traballando na casa deste veciño de Nigrán, a cal, aconsellada por unha traballadora social, puxo en coñecemento da Garda Civil o trato degradante e as vexacións das que estaba a ser obxecto no seu posto de traballo. 

O presunto autor é un home 74 anos, con diversidade funcional física, que require atencións e coidados especiais

O relato desta vítima é similar, apuntan os axentes, ao que formularon outras mulleres que xa presentaran denuncia contra esta mesma persoa o ano pasado. 

En todos os casos, recolléronse testemuños coincidentes, xa que todas declararon ser obxecto de tocamentos de carácter sexual de forma autoritaria e agresiva, non exentos de coaccións e coa ameaza explícita de despedilas se non accedían ás súas pretensións lascivas. 

O presunto autor é un home 74 anos, con diversidade funcional física, que require atencións e coidados especiais, e que xa fora investigado o ano pasado e posto a disposición xudicial polos mesmos motivos.