A asociación de pacientes do Chus denuncia unha "masificación inadmisible"

Critican a situación que se vive en zonas destinadas a tratar pacientes oncolóxicos ou as "inadecuadas" instalacións do Hospital de Día

A asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (Chus) denuncia a masificación "inadmisible" en zonas nas que se atopan pacientes graves como os oncolóxicos, onde se presenta un servizo "esencial" para a saúde.

Nun comunicado remitido á prensa, esta entidade denuncia que a xerencia do Chus, a pesar de coñecer estas circunstancias, "fai caso omiso das nosas necesidades" e aplica políticas do recorte do gasto.

Así mesmo refírense tamén ás instalacións do Hospital de Día e á "inadecuación" das mesmas, con espazos que ven "desbordados" polos longos tempos de espera.

Por iso demandan de "forma urxente e inaprazable" o necesario investimento para aumentar o espazo asistencial.

No mesmo sentido, o pasado 11 de xaneiro a nai dun paciente cun tumor cerebral presentou unha denuncia á xerencia do Chus ante as restricións de medios "materiais e humanos" que presenta o principal hospital da capital galega.

Comentarios