A folga de médicos obriga a suspender 13 operacións e o 6,4% das consultas no hospital de Ourense
A primeira xornada de folga de facultativos convocada este martes no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuo) polos sindicatos médicos CESM e O'Mega obrigou a suspender 13 operacións e o 6,4% das consultas, segundo os datos facilitador pola Xerencia de Xestión Integrada de Ourense.
En canto ao seguimento do paro entre o persoal do hospital, as cifras son dispares. Mentres os convocantes sitúan o seguimento entre o 60 e o 70% dos médicos, a dirección hospitalaria rebáixao ata o 9,4%.
A xerencia do Chuo pediu aos sindicatos que "reconsideren a súa postura" e invitounos ao diáglo e ao "consenso" coa finalidade de "evitar que as reivindicacións laborais" dunha parte do colectivo médico "continúen afectando aos pacientes con máis suspensións de consultas e intervencións".
Pola súa banda, o vicepresidente de CESM-Galicia en Ourense, o doutor Emilio Armada, asegurou que pediron a mediación do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, ao non mostrar a xerencia ousensana "ningunha capacidade para chegar a acordos". "O conselleiro debe intervir", subliñou, para matizar que non están satisfeitos por chegar á folga, aínda que valorou como "importante" o seu seguimento.
Para os días 17 e 24 deste mes están convocadas outras dúas xornadas de paro no Chuo, para reclamar a cobertura de todas as vacantes de facultativos con contratos estables, así como a reorganización de bancadas do Área Médica. Tamén reivindican dispoñibilidade, durante as 24 horas do día, dos dous quirófanos de Urxencias do Edificio Quirúrxico, coa súa correspondente dotación e a "recuperación de modo inmediato" do número de médicos por quendas de urxencias hospitalarias.