A xunta electoral abre un expediente sancionador ao alcalde de Ribadavia

O PP denunciara que Ignacio Gómez "usaba medios públicos" para facer declaracións "de carácter electoralista"
Ignacio Gómez
photo_camera Ignacio Gómez

A xunta electoral acordou este mércores incoar un expediente sancionador ao alcalde de Ribadavia, o socialista Ignacio Gómez, por vulnerar a Lei electoral, ao facer declaracións de "carácter electoralista" na campaña autonómica, un feito que foi denunciado polo PP.

En dita denuncia presentada o día 23, o PP acusaba a Gómez de "usar medios públicos" como a páxina web municipal e redes sociais "para facer declaracións de carácter electoralista en pleno proceso para os comicios autonómicos".

"É inadmisible que o alcalde de Ribadavia estea a vulnerar de forma reincidente unha norma de obrigado cumprimento para todo cargo público e, con máis gravidade no caso dun alcalde que debe respectar a vontade de todos os seus veciños, pensen como pensen politicamente", comentaron os populares, que advirten que de facerse efectivo o socialista tería que facer fronte a unha multa que oscila entre os 300 e os 3.000 euros.

Segundo recordaron os populares, o rexedor socialista fora sancionado por presentar proxectos "inducindo de forma mediata a través dos medios de comunicación o sentido do voto dos electores" nas pasadas eleccións de xuño, unha vez que se acordou a suspensión de calquera actividade.

O caso que motivou este novo expediente sancionador está relacionado cunha publicación realizada polo consistorio o pasado 31 de agosto da convocatoria de axudas para material e detrás da cal os populares ven un "fin electoralistas" sempre que recollen que a finalidade das mesmas é "para que non se produzan inxustizas por mor da crise".

As denuncias entre o rexedor socialista e o PP sucedéronse nas últimas semanas o que avivou o enfrontamento entre uns e outros. De feito, hai unha semana, a Xunta Electoral de zona de Ribadavia abrira expedientes de sanción contra dez cargos do Partido Popular, entre eles o seu presidente e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, e o propio presidente provincial; Manuel Baltar, por realizar diversos actos prohibidos pola Lei Electoral durante a campaña.

Comentarios