A Praza de Armas de Ferrol non acollerá este ano o paso de Semana Santa

O Concello ve precisa unha restauración inmediata do espazo polo que descarta a celebración de calquera tipo de acto multitudinario. Por iso, o Goberno local convocará un concurso de ideas para realizar unha actuación integral en convenio co Colexio de Arquitectos de Galicia

A edil de Urbanismo de Ferrol, María Fernández, anunciou este mércores unha actuación integral na Praza de Armas excluíndo así a opción de facer unha obra de reforzo.

O informe do técnico municipal recolle a necesidade dunha actuación inmediata e está previsto convocar un concurso de ideas en convenio co Colexio de Arquitectos de Galicia.

O concurso, avanzou en conferencia de prensa, terá un carácter aberto, pero a intención é eliminar o aparcadoiro dado que non é necesario para a mobilidade na cidade, segundo declarou Fernández baseándose no plan de mobilidade existente.

Ademais, primaranse aquelas ideas que teñan en conta a accesibilidade aos espazos públicos e que propoñan a presenza de vexetación na contorna, aínda que "o concurso vai ser bastante libre", engadiu a edil de Urbanismo.

Segundo un informe técnico, pedido pola corporación municipal anterior, a praza sofre un forte nivel de deterioración e xa está no final da súa vida útil.

Dada a situación, o goberno local ha decidido non autorizar a realización de ningún tipo de acto multitudinario pola grave situación que presenta a estrutura, que xa foi apontoada meses atrás.

O apontoamento do forxado para que o aparcadoiro siga en funcionamento é unha solución temporal xa que as condicións do lugar empeoran co tempo.

María Fernández afirmou que "as obras comezarían, como moi pronto, dentro dun ano", aínda que ata que o convenio estea pechado non se coñecerán con certeza os prazos de actuación. Aínda non se estipulou cal será o orzamento para esta actuación integral.

En canto ao desaloxo onte do inmoble número 11 da rúa Sánchez Calviño, a edil comunicou que a Concellaría está á espera de coñecer o informe técnico.

O edificio non tiña orde de execución previa e instarase ao propietario a que faga unha inspección do inmoble a través dun técnico contratado por el mesmo.

Por agora descoñécese o momento no que os inquilinos poderán volver aos seus domicilios e os servizos sociais están a facerse cargo deles de forma eventual.

Comentarios