A Xunta pechará trece escolas unitarias polo baixo número de alumnos

A Consellería de Educación mantén, un ano máis, o "mesmo criterio" para suprimilas: que teñan cinco ou menos matriculados

A Consellería de Educación informou este venres de que o próximo curso 2016/2017 pechará un total de 13 escolas unitarias de Galicia debido ao "baixo número de alumnos matriculados".

O departamento autonómico concretou a cifra unha vez finalizada a revisión da matriculación dos centros escolares nos niveis de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Especial para o próximo curso, un proceso habitual para "adecuar" o número de unidades ao de alumnos matriculados en cada centro educativo.

A consellería remarcou que mantén, un ano máis, o "mesmo criterio" para suprimilas: que teñan cinco ou menos alumnos. Ademais, esgrimiu que os datos demográficos evidencian unha caída do número de escolares na etapa de Infantil, pola baixa natalidade. De feito, a Xunta apuntou que, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, o próximo curso haberá 456 alumnos menos que entran en cuarto curso de Infantil (3 anos).

Por provincias, oito destas escolas pecharanse en localidades da provincia da Coruña, a máis afectada, catro en Pontevedra e unha en Lugo. En concreto, deixarán de prestar servizo a EEI de Xaviña (con tres alumnos), en Camariñas; a EEI de Encrucilladas (3 alumnos) e a EEI de Gontade (4 alumnos), en Carballo; a EEI de Sorribas (3 alumnos), en Rois; o CEIP de Calvario en Cerceda (5 alumnos); o CEIP de Merelle, en Ordes (4 alumnos); o CEIP de Angueira de Suso, en Padrón (5 alumnos) e o CEIP de Boebre (con 4 alumnos), en Pontedeume.

Na provincia de Pontevedra, pola súa banda, deixarán de funcionar a EEI de Moreira, en Gondomar (5 alumnos); a EEI do Sartal, en Poio (3 alumnos); a EEI de Xustáns, en Pontecaldelas (5 alumnos); e a EEI de Pontellas, no Porriño (5 alumnos).

Finalmente, na provincia de Lugo pechará as súas portas o próximo curso a CEP de Castelao, de Vilalba. Neste caso, o peche responde a unha decisión das familias implicadas, xa que todas (14) "optaron por matricular aos seus fillos noutros centros" da localidade.

Educación ratificou que, tamén como cada ano, atendendo aos datos oficiais de matriculación, acometeuse un proceso de reorganización de unidades dentro dos propios centros educativos que leva, ben a creación de novas unidades ou a supresión doutras e reagrupación segundo o incremento ou diminución do alumnado. 

Comentarios