A Lama é o municipio no que se fala o galego máis parecido ao normativo 

Porcentaxe de semellanza entre o galego falado e o galego normativo. XULIO SOUSA
Un estudo do Instituto da Lingua Galega da USC racha co mito de que a variedade estándar do galego é inventada 

Un estudo considera que A Lama é o municipio na que se fala un galego máis parecido ao estándar. O traballo foi elaborado por Xulio Sousa, membro do Instituto da Lingua Galega da USC, co obxectivo de demostrar que a versión normativa contén as formas empregadas polas diferentes variedades do idioma nos anos 70. 

En concreto, o galego oral do citado municipio presenta unha similitude dun 82,09 por cento respecto da variedade máis normativa, mentres que no polo oposto estaría a localidade leonesa de Pombriego, cun 34,29 por cento. 

Os resultados do traballo de Sousa mostran que os puntos nos que se fala un galego máis similar ao estándar atópanse en zonas onde conflúen os bloques lingüísticos central e occidental, aínda que tamén destaca algúns municipios da provincia de Lugo que rexistran un alto grao de parecido. 

O investigador considera que o estudo "rompe coa crenza popular" de que a variedade normativa está "afastada da realidade" dos falantes, tras rexistrar unha parecida media do 74,75 por cento. 

O estudo realizouse a través de análise das variedades do idioma en 167 localidades galegas, de Asturias, León e Zamora, combinando para iso diversas técnicas estatísticas, computacionais e xeográficas e utilizando datos do Atlas Lingüístico Galego. 

Deste xeito, concluíu que o galego normativo é unha variedade de tipo composicional con elementos das distintas vertentes do idioma e concibido como símbolo de identificación, comunicación e vehículo de expresión común na escrita.