O líder dos Miguelianos acusa á Igrexa de urdir unha "montaxe" na súa contra

Miguel Rosendo foi condenado a nove anos por un delito de abusos sexuais

Miguel Rosendo. CABALAR (EFE)
photo_camera Miguel Rosendo. CABALAR (EFE)

O líder da Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo, Feliciano Miguel Rosendo da Silva, condenado a nove anos de prisión por un delito de abusos sexuais, defendeu este mércores de novo a súa inocencia e anunciou que recorrerá a sentenza que o envía ao cárcere.

Nunha rolda de prensa, o líder dos Miguelianos, acompañado pola súa avogada, Beatriz Seijo, tres sacerdotes e varias seguidoras, explicou que presentará un recurso de casación ante o Tribunal Supremo, pero que o fará "non por odio, senón pola dignidade da miña esposa, os meus fillos e os benditos e benditas que deixaron a súa vida para axudar aos demais".

O pasado 28 de decembro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou a condena a Miguel Rosendo como autor dun delito de abusos sexuais continuados "con prevalemento e penetración" a unha das mulleres que o denunciaron. "Agradezo ás maxistradas que vexan unha gran porcentaxe da verdade; pero teño unha gran dor aquí dentro porque a unha nena que quero como a todas elas obrigárona a mentir e acusarme duns feitos que son mentira", engadiu.

Rosendo, para quen a Fiscalía e a acusación particular solicitaban 66 e 82 anos de prisión, respectivamente, foi condenado por un dos catro delitos de abusos sexuais aos que se enfrontaba e foi absolto dos de asociación ilícita, contra a integridade moral, coaccións, abuso e agresión sexual continuada.

Comentarios