Localizan no corpo dunha vítima de agresión sexual restos do presunto autor

O acusado mantivera relacións íntimas coa muller, a cambio de diñeiro, con anterioridade

Este xoves declararon, na Audiencia Provincial da Coruña, os dous médicos forenses encargados de realizarlle probas físicas e psíquicas á muller que denunciou ser vítima dunha agresión sexual e afirmaron que atoparon restos de sangue na roupa da denunciante e seme do acusado na boca da mesma. 

En canto ao seu estado anímico, os especialistas relataron que a muller se atopaba triste e visiblemente afectada e que a súa narración dos feitos é "perfectamente crible" ao haberse producido ao pouco tempo do incidente. Con todo, o letrado da defensa, Manuel Ferreiro, explicou á súa chegada ás dependencias xudiciais, que hai que esperar aos informes e conclusións que se deriven das declaracións dos dous forenses, pero que, segundo as súas palabras, "a vítima non presenta ningún tipo de vestixio na zona vaxinal que apunte a unha agresión sexual". 

José Ramón Sierra, avogado da acusación particular: "Os tres accesos carnais foron inconsentidos"

"Hai un informe forense sobre secuelas emocionais ou psiquiátricas da vítima que non reflicten tampouco ningún tipo de trastorno de tensión postraumática, polo tanto entendemos que estes informes forenses benefician ao meu defendido porque a declaración da vítima non é avalada por ningunha proba obxectiva", engadiu Ferreiro. 

José Ramón Sierra, avogado da acusación particular, mantivo ante os medios de comunicación que "os tres accesos carnais foron inconsentidos" e que os documentos forenses apoian as palabras do seu cliente. 

Os feitos sucederon a madrugada do 5 de maio de 2011 cando, supostamente, o procesado atopouse coa vítima –á que xa coñecía con anterioridade de manter relacións sexuais con ela a cambio de diñeiro– e insistiu en que esta o acompañase ata unha vivenda que o home tiña no termo municipal citado. 

Segundo relata o escrito da Fiscalía, o procesado convenceu á muller –que se dedicaba á prostitución de forma ocasional– dicíndolle que no domicilio lle pagaría 300 euros, algo que logo negou explicando que non dispuña de efectivo e afirmando que lle estendería un cheque. Acto seguido, a vítima respondeu que quería abandonar o lugar e o procesado propinoulle unha labazada e díxolle que "non se iría de alí sen ter relacións sexuais" con el, tras o que a agrediu física e sexualmente. 

A acusación particular pide 12 anos de prisión mentres que a Fiscalía reclama unha pena de 9 anos e dous meses de privación total de liberdade, así como o pago dunha indemnización á vítima de 30.000 euros.

Comentarios