Máis de catro mil persoas acoden ás oposicións de camareiro e axudante de cociña da Xunta

Oposicións. LUíS POLO

Os exames celebráronse na Feira Internacional de Galicia, en Silleda

Máis de catro mil persoas presentáronse ás oposicións celebradas este domingo en Silleda para o ingreso na categoría de camareiro-limpador/axudante de cociña, o que supón o 61% dos que estaban inscritos.

Desta forma, na Feira Internacional de Galicia, en Silleda, presentáronse 4.124 persoas ás probas celebradas durante a tarde.

Ademais, pola mañá, tivo lugar o primeiro exercicio para o ingreso no corpo de xestión da Administración Xeral da Comunidade Autónoma A2, para o que se presentaron 843 dos 2.010 aspirantes convocados, o que supón unha porcentaxe do 42%.

Tanto a xornada do sábado como a do domingo transcorreron sen incidencias e todos os exames desenvolvéronse con total normalidade. O acceso aos pavillóns nos que se realizaron as probas estivo controlado por un operativo de 380 persoas.

En cada porta situáronse entre 6 e 8 persoas, dependente do volume de aspirantes de cada proceso selectivo. O recinto tamén contou durante toda a fin de semana, cunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.