"Se non se mantén a permanente revisable, o Estado será responsable de novas violacións"

Juan Carlos Quer espera que os "populistas e buenistas" tomen nota do xuízo ao Chicle

O empresario Juan Carlos Quer, pai de Diana, a moza asasinada o 22 de agosto de 2016, desexou este mércores que os "populistas e buenistas" tomen nota do caso que se está xulgando e entendan a necesidade de manter a prisión permanente revisable, batalla na que está implicado.

Á súa chegada aos xulgados composteláns para asistir á sétima sesión da vista oral, dixo á prensa alí congregada que o chamado violador do ascensor, logo de 18 abusos e dous asasinatos foi posto en liberdade e meses despois volveu atentar e dixo que se saía de novo á rúa volvería facelo.

Mencionou tamén o ocorrido á profesora Laura Luelmo co seu agresor e á súa primoxénita, pois sobre José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle, Quer ve cada vez máis indicios incriminatorios e por iso dá "por bo" que España viva "en directo a película de terror, que non era unha película" e si, en cambio, "un suceso real do modo no que morreu a miña filla".

Confiou en que aqueles que soamente apostan polo labor educativo cambien de opinión e non intenten derrogar penas que, á súa entender, son necesarias, e este, dixo, é "o legado de Diana; a miña filla xa non vai recuperar a vida".

Se a prisión permanente revisable non se mantén para seguir aplicándose a salvaxes "e depredadores sexuais como o que senta no banco", o Estado será "responsable" do que suceda a partir de aí, subliñou.

"Xustiza e, sobre todo, aprender, para salvar a vida de novas vítimas inocentes", recetou.

O seu avogado, Ricardo Pérez Lamba, augurou que a xornada deste mércores será longa.

A reconstrución do crime de Diana Quer, o estudo do seu móbil e a análise química do maleteiro do vehículo do único acusado, José Enrique Abuín Gey alias o Chicle, monopolizan este mércores a vista oral que acolle a sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña.