Mata a súa exmuller, a súa exsogra e a súa excuñada en presenza dos seus fillos en Valga
A lacra da violencia machista volve golpear con dureza en Galicia ao confirmarse que un home, José Luis Abet Lafuente, de 45 anos, acabou coa vida da
As forzas de seguridade terían constancia do suceso ás 8.12 horas e o autor levaría a cabo os crimes empregando un arma de fogo. As vítimas son Sandra B.Q. —exparella do asasino, de 39 anos—, Alba B.Q. —irmá da primeira e de 27—, e a nai de ambas, María Elena J, de 58 anos. Tanto Sandra como Alba traballaban nun centro de logopedia en Cesures.
O CRIME. O sospeitoso daría morte ás tres mulleres de forma consecutiva sobre as oito da mañá deste luns. A primeira vítima foi Sandra, que recibiu un disparo de arma curta cando se atopaba no coche disposta a levar os seus fillos, de 4 e 7 anos, ao colexio. Ambos presenciaron o crime, segundo informou Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra. Tras matar a súa exparella, o home acabou coa vida de María Elena e de Alba, empregando a mesma arma.
Por outra banda e segundo declaraba o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, Sandra, a primeira vítima, tería tempo a chamar á súa nai e á súa irmá para pedirlles auxilio cando detectou a presenza do seu ex.
Os nenos, que se atopaban no coche, refuxiáronse en casa dun veciño tras os disparos. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, declarou que o equipo de psicólogos da Xunta está listo para atender os pequenos e os seus familiares.
SEN DENUNCIAS PREVIAS. A parella estaba divorciada e non constan denuncias previas nin ordes de protección en vigor, segundo confirmou o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, que anunciou un pleno especial tras este novo asasinato.
Unha vez máis, Valga vese golpeada por outro asasinato atroz, despois de que o pasado 11 de marzo un veciño acabase coa vida da súa esposa para, despois, quitarse a vida cunha escopeta.
CONMOCIÓN. A compañía STAC, na que traballaba unha das vítimas, pechou este luns as súas oficinas como sinal de duelo. A empresa, situada en Padrón, emitiu un comunicado no que lamenta o "terrible suceso" no que foi asasinada unha das súas traballadoras, así como a súa nai e a súa irmá.
A firma trasladou aos familiares e amigos das vítimas o seu "máis sentido pésame" e uniuse a eles na "inmensa dor" que sofren nestes momentos. Tras condenar o crime, pediu o máximo respecto para todos os achegados ás vítimas.
Tamén a asociación Amencer-Aspace fixo pública a súa "dor" ante o crime, a través dunha publicación en Facebook na que recorda unha das vítimas, Alba. "Non hai palabras para describir o que sentimos nestes momentos. Rabia, impotencia, dor. Alba, alá onde esteas, querémoste. D.E.P".
Á mesma hora, noutros municipios, como o de Lugo, sairase á rúa para protestar contra a violencia machista.
Para o martes tamén se convocaron concentracións de repulsa. É o caso da da Delegación do Goberno, sobre as 12.00 horas. Tamén os concellos de Sanxenxo e Caldas de Reis, entre outros, chamaron a gardar un minuto de silencio á mesma hora.
Para pola tarde, ás 18.00 horas, a Asociación de Mulleres en Igualdade de Vigo convocou unha marcha ante a Subdelegación do Goberno.
Acusación popular
A Fundación Amigos de Galicia é unha das entidades que expresou a súa condena ante o triplo crime machista de Valga e avanzou que será acusación popular "en defensa dos menores involucrados no caso".