Dous membros de Marea Atlántica deixan o Consello das Mareas 

Trátase de Mariano Fernández Cabarcos e Iago Martínez, xefe de gabinete do goberno municipal da Coruña e man dereita do rexedor, Xulio Ferreiro

 

Iago Martínez. AEP
photo_camera Iago Martínez. AEP

Mariano Fernández Cabarcos e Iago Martínez, xefe de gabinete do goberno municipal da Coruña e man dereita do rexedor, Xulio Ferreiro, abandonaron o seu posto no Consello das Mareas, o órgano máximo de dirección entre plenarios do partido instrumental. 

Diso informaron os portavoces da coordinadora, Gonzalo Rodríguez e Victoria Esteban ao termo da reunión do Consello que este sábado aprobou o inicio do procedemento para convocar unha consulta ás bases sobre a continuidade de Paula Quinteiro, a deputada que se viu envolvida nun altercado coa policía a mediados do pasado mes de marzo. 

Tanto Fernández Cabarcos como Iago Martínez forman parte de Marea Atlántica e os seus postos serán ocupados por Ramón Beiras --actual portavoz de SOS Sanidade Pública-- e Daniel Calvete --Sadamaoiría-- atendendo a criterios "de xénero e equilibro territorial". 

O xefe de gabinete do goberno coruñés, Iago Martínez, era unha das referencias do sector crítico coa dirección de Luís Villares en En Marea, no que tamén se encadraba Mariano Fernández. 

De feito, Martínez non participaba nas reunións do Consello desde facía meses, aínda que fixo unha excepción con motivo da comparecencia de Paula Quinteiro ante este órgano para ofrecer explicacións sobre a súa implicación nuns incidentes nocturnos. 

Segundo explicaron os portavoces da dirección de En Marea, a saída de Martínez prodúcese tras a súa designación como membro da coordinadora de Marea Atlántica, o que fai incompatible a súa presenza no órgano directivo do partido instrumental. 

Pola súa banda, Fernández Cabarcos, promotor da radio comunitaria herculina 'Cuac FM', abandona o seu posto no Consello para centrarse na presidencia da Rede Española de Medios

Comentarios