O interrogatorio de Pilar de Lara a Lara Méndez durou uns 40 minutos. A alcadesa de Lugo compareceu ante a titular do xulgado de instrución número 1 en calidade de investigada por un presunto delito de malversación tras unha denuncia do sindicato CSIF en relación ao nomeamento dunha funcionaria.
Méndez asegurou á súa saída que respondeu as preguntas de todas as partes e confía en que sirva para aclarar un conflito que o Concello entende que debería ir por vía administrativa e non xudicial.
"É un paso moi importante logo de dous anos e medio, desde que se presentou a querela, e un ano e dous meses, desde que se produciu a primeira citación", dixo a rexedora local aos medios de comunicación ao abandonar a sede xudicial.
"Voume contenta e satisfeita. Respondín a todas as preguntas que me foron formuladas por todas as partes", aclarou, ademais de engadir que agora espera a que "conclúa o proceso, se esclareza e se arquive". Segundo o seu criterio, ofreceu "respostas claras e contundentes ás preguntas" que foron formuladas, para esclarecer "calquera dúbida". Agora espera que se resolva o máis axiña posible".
"TRANQUILA". A rexedora chegou pasadas as 9.00 horas "con ganas de declarar" e "tranquila". “Como xa dixen nas outras tres veces anteriores, con ganas de declarar, dado que hai dous anos e medio que se presentou a querela e hai un ano e dous meses que fun citada por primeira vez. Con ganas de declarar e de aclarar esta cuestión, este trámite administrativo e seguir co traballo da administración local”, engadiu.
A orixe da investigación está nunha querela presentada polo sindicato CSI-CSIF en relación co suposto atraso no cumprimento dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulaba a comisión de servizo dunha funcionaria municipal para o posto de letrada asesora do Concello.
O prazo de execución da sentenza do TSXG, que anulaba esa comisión de servizo, concluía no mes de maio de 2016. Desde o Consistorio aseguran que a traballadora foi cesada no mes de xullo, dous meses despois.