Discrepancias nos datos de seguimento

As aulas baléiranse en Galicia en protesta pola Lomce e as reválidas

Santiago acolleu a manifestación central. Os sindicatos cifran o seguimento no 90% e o Ministerio rebáixao ao 30 ou 40%

Miles de mozos baleiraron as aulas este mércores para encher as rúas das cidades galegas nunha xornada de folga en todo o Estado, convocada polo Sindicato de Estudantes (SE), para trasladar o seu rexeitamento á Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce) e o novo modelo de reválidas.

Santiago de Compostela acolleu a manifestación central de Galicia, onde centos de alumnos percorreron as rúas da capital ao berro de "menos corrupción e máis educación" e "obreiros e estudantes, unidos e adiante". Uxío, do Sindicato de Estudantes, enmarcou a convocatoria na continuidade da loita contra "os duros ataques" do PP ao ensino público, sobre todo a través das novas "reválidas en ESO e bacharelato ou o decreto 3+2" na universidade. "Quedándose en casa, (a Lomce) non se vai a derrogar, e espérannos catro anos de Goberno caciquil, como foron estes", insistiu, chamando a "loitar" na rúa para "non acabar totalmente sometidos" a estas políticas.

Pola súa banda, Lucía Guerra denunciou que desde a Administración están "a pór todo tipo de trabas" ao alumnado e que os propios profesores "están totalmente desorientados sobre o temario que vai entrar" nas probas finais de Eso e Bacharelato. Ambos os portavoces trasladaron a súa satisfacción pola participación nesta xornada de protestas, chamando ao resto de organizacións estudantís e de profesorado a convocar "folga". "Hai que loitar, o futuro está na rúa", reiteraron.

POLÍTICOS. Na marcha de Santiago, xunto aos alumnos, tamén participaron diferentes representantes da Plataforma en Defensa do Ensino Público, co lema Non á Lomce, non aos recortes en Educación. Deste xeito, contaron co apoio de membros de Confapa-Galicia, CC.OO Ensino ou FETE-UXT, ademais de que contou ademais de portavoces políticos como Luís Villares, de En Marea, ou Xoaquín Fernández Leiceaga, no caso do PSdeG.

No acto final da marcha, os portavoces do Sindicato de Estudantes concederon a palabra a Luís Villares, quen animou aos mozos a continuar coas súas reivindicacións e recordando que "se tombaron leis con maiorías absolutas" e logrouse a "dimisión" do ministro impulsor da Lomce (José Ignacio Wert)

EN TODA GALICIA. Ademais de en Santiago, rexistráronse diferentes manifestacións en toda Galicia, en concreto na Coruña (Praza da Palloza), Ferrol (praza de España), Vigo (Praza América) ou Ribeira (IES n1). Na cidade olívica, uns 2.000 estudantes saíron á rúa para denunciar a "situación dramática" o sistema educativo público polos recortes. A marcha saíu pasadas as 12.00 horas da Praza de América e concluíu en Porta do Sol, onde un portavoz do Sindicato de Estudantes leu un manifesto no que denunciou que "o único obxectivo da reforma educativa do PP" foi "deixar fóra das aulas aos fillos dos obreiros".

Os estudantes, aos que se sumaron algúns profesores e pais, estiveron acompañados, durante todo o percorrido, por varias Unidades de Intervención Policial. Así mesmo, tamén había presenza policial custodiando a delegación da Xunta, por se a marcha se desviaba do seu percorrido, pero a protesta finalizou sen incidentes.

Comentarios