O mito de que Galicia é segura periga tras duplicarse os asasinatos nun ano

Vehículo de Policía. ARQUIVO
Pasaron de oito en 2018 a 16 o exercicio pasado

O mito de que Galicia é segura cambaléase. Manteno, con datos irrefutables, a Delegación do Goberno tras publicarse este mércores o balance de criminalidade do Ministerio do Interior, no que a comunidade repite —como vén facendo desde 2015— como a cuarta máis segura en base ao número de infraccións penais —29,7 por cada 1.000 habitantes en comparación coas 46 de media en España—. O que ocorre é que este índice non distingue entre tipoloxías delituosas e, mentres se reducen os roubos e furtos, dispáranse asasinatos e violacións.

E son eses ilícitos máis graves, os que segan vidas ou as marcan para sempre, os que acenderon a alerta criminal en Galicia, onde o ano pasado se cometeron 16 asasinatos ou homicidios dolosos, a cifra máis alta do último lustro e o dobre que os 8 cometidos en 2018. Tamén se contabilizaron 93 agresións sexuais con penetración, que non están moi lonxe de multiplicar por dous as 57 rexistradas hai dous anos.

A alza de delitos sexuais é especialmente preocupante, cunhas cifras tan contundentes —e alusivas a un feito tan grave como unha violación— que deslexitiman a tese de que agora se reflicten máis casos porque a maior concienciación leva a denunciar máis. Ademais, tamén se incrementa o resto de delitos sexuais —como abusos ou agresións sen penetración—, que pasaron de 479 en 2018 a 543 un ano despois.

En canto ao resto de delitos contra as persoas, os datos tampouco son positivos. Os intentos de asasinato ou homicidio mantéñense invariables, en 25 ao ano, e os delitos de lesións e rifa tumultuaria incrementáronse lixeiramente, de 944 a 954.

Hai outra tipoloxía delituosa especialmente reprobable que, afortunadamente, ten unha influencia case testemuñal na comunidade: os secuestros. O exercicio pasado denunciouse un, que tivo lugar na provincia da Coruña, fronte aos dous que chegaron ás comisarías en 2018.

DESCENDEN OS ASALTOS. Así as cousas, que o balance global de criminalidade non se dispare en Galicia —aínda que si crece o número de infraccións penais de 78.526 a 80.288, isto é, un 2,2%— obedece á caída dos roubos de toda natureza. Os asaltos a casas, un dos delitos que máis preocupan en Galicia porque afectan con frecuencia a persoas maiores que viven soas no rural, reducíronse de 3.395 a 3.139 nun ano (-7,5%), en tanto que os furtos pasaron de 19.903 a 18.886. Tamén minguaron, aínda que por moi pouco, os atracos con violencia ou intimidación verbal ou con armas ao pasar de 951 a 946.

Se o balance global de criminalidade non se dispara en Galicia é pola caída dos roubos

OLLO COAS ESTAFAS. No outro lado, seguen crecendo as estafas telemáticas, unha tendencia que non é única de Galicia nin de España, pois o auxe desta modalidade delituosa aumenta ao ritmo que se multiplican os smartphones e dispositivos dixitais entre a poboación. Na comunidade xa supoñen dúas de cada dez delitos denunciados. O ano pasado sumaron 15.914, un 22,8% máis que en 2018, o que levou á Delegación do Goberno a enviar unha mensaxe aos galegos para que "tomen as precaucións necesarias nas súas relacións comerciais e bancarias a través de internet".

Tamén aumentaron considerablemente entre 2018 e 2019 os casos de tráfico de droga que transcenderon ás autoridades, ao pasar de 433 a 509, o que supón un nada desdeñable incremento interanual do 17,6%.

Para rematar, rexistrouse un lixeiro aumento no roubo de coches, unha tipoloxía delituosa que perdeu fol nas últimas dúas décadas. O ano pasado denunciáronse 604 subtraccións de vehículos en Galicia, vinte máis que en 2018.

Por provincias | Lugo repite como a máis segura pero inqueda que as mortes violentas se cuadruplicasen
A provincia de Lugo sitúase outro ano máis como a máis segura de Galicia, e con moita diferenza, ao promediar 23,2 infraccións penais por cada mil habitantes en 2019, seguida por Ourense (26,6), Pontevedra (30,8) e A Coruña (31,8)—.

De todos os xeitos, e igual que ocorre no conxunto de Galicia, a proliferación dos delitos máis graves xera certa inquietude, pois 2018 pechouse cun único asasinato ou homicidio na provincia e o ano pasado houbo catro —entre eles casos soados nos medios nacionais, como o crime da pequena Desirée— . Ademais, foi escenario de 6 violacións das 93 denunciadas en toda Galicia.

Pontevedra
Pero se hai unha provincia onde os delitos máis execrables se dispararon, esa é Pontevedra, que pasou dun único asasinato en 2018 a sete en 2019 e onde as 25 agresións sexuais con penetración rexistradas hai dous anos convertéronse en 45 o pasado, exercicio en que tamén houbo 11 intentos de asasinato —fronte aos 4 de 2018—. Ourense é a única provincia na que non houbo homicidios durante 2019, mentres que na Coruña denunciáronse 5 —un máis que en 2018—.