Monterrei estima en arredor de 1,5 millóns os danos polas "intensas" tormentas

Veciños de Monterrei limpan unha das zonas afectadas polas inundacións. BRAIS LORENZO (EFE)

Apuntan que os danos en propiedades dos veciños son "aínda imposibles de valorar" a falta do reconto das perdas

Os danos ocasionados en infraestruturas públicas no concello ourensán de Monterrei por mor das "intensas" choivas e granizadas rexistradas o pasado luns, 8 de xullo, "ascenden, de entrada, a máis de 1.500.000 euros" , segundo explicou o alcalde da localidade, José Luís Suárez, no pleno extraordinario celebrado este mércores. O motivo deste pleno foi o de solicitar a declaración da zona de emerxencia para o municipio. Entre as localidades que se viron afectadas polas fortes tormentas destacan Infesta, Albarellos, Vilaza, Guimarei, A Caridade e a Salgueira.

Entre os danos incluídos na cifra inicial dun millón e medio de euros atópanse, segundo numerou o rexedor, "mobiliario urbano, estradas, camiños rurais, pistas forestais, redes de abastecemento, saneamento e depuración, iluminación pública e zonas verdes". Ademais, José Luís Suárez tamén explicou que a eses gastos deben sumárselle "os gastos en limpeza e retirada de restos de pedras que foron arrastrados pola corrente de auga, con todos os medios humanos e maquinaria destinados a estes fins".

DANOS AGRÍCOLAS. Por outra banda, o alcalde subliñou os "cuantiosos" danos agrícolas nas viñas con "numerosos galpóns e cultivos en hortas e invernadoiros quedaron esnaquizados, contabilizándose incluso a morte de varios animais". "Non podemos esquecer que os viñedos son a principal actividade económica do noso municipio", manifestou o rexedor ante o pleno da corporación.

Tamén se fixo mención por parte do grupo de goberno do Partido Popular dos danos nas propiedades dos veciños, cuxo importe é "aínda imposible de valorar" ao estar aínda os veciños facendo o reconto das perdas antes de comunicarllo ao Concello. As choivas produciron a inundación de baixos e a consecuente desfeita de mobiliario e electromésticos, dado que moitas edificacións teñen a planta baixa habilitada como vivenda. Ademais, tamén afectou a vehículos e maquinaria.

ACORDO POR UNANIMIDADE. Deste xeito, o once membros da corporación acordaron por unanimidade instar á Xunta de Galicia, por medio da Xefatura Territorial de Medio Rural, a unha avaliación técnica dos danos producidos nos viñedos e hortas. En segundo termo, piden ao Goberno central a declaración oficial de zona de emerxencia con carácter de urxencia. Tamén acordaron "solicitar axudas e financiamiento á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial de Ourense para contrarrestar os danos e o impacto ocasionados polas tormentas e a reposición de infraestruturas básicas". Así como ao "estudo de posibles medidas de apoio á actividade vitivinícola". Por último, insistiron en urxir á Confederación Hidrográfica do Douro a que realice a limpeza, rozamento e mantemento dos ríos, regachos e canles do municipio de Monterrei.