Morre un condutor tras saírse da vía e caer por un desnivel en Cualedro

O accidente tivo lugar na OU-1020

O condutor dun turismo faleceu este martes nun accidente de circulación consistente nunha saída de vía e posterior caída por un desnivel, ao seu paso pola comarcal OU-1020 en Cualedro.

Segundo informou o CAE 112 Galicia, o tráxico suceso tivo lugar minutos logo das tres desta tarde, no lugar da Saceda, na estrada que comunica Cualedro coa Xironda.

Ata o lugar mobilizáronse efectivos de urxencias, axentes da Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Verín, posto que había persoas atrapadas, así como Grupos de Urxencias Supramunicipais da zona e o helicóptero medicalizado con base en Ourense.

Fontes consultadas apuntaron que profesionais sanitarios trataron de reanimar a esta persoa, que quedara atrapada como consecuencia do accidente, pero faleceu no lugar.