Morre a cría de balea varada en Muxía

Será retirada este xoves da praia de Nemiña

A cría de balea común que apareceu na mañá deste mércores na praia de Nemiña, no municipio coruñés de Muxía, morreu pola tarde. Segundo informa o presidente da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), Alfredo López, a balea será retirada da praia ao longo do xoves. Neste caso, os concellos encargan as tarefas a unha empresa de xestión de residuos que realiza a incineración do animal. 

Esta cría é unha femia de balea común de seis metros de lonxitude, que chegou á costa viva "tras separarse da nai por motivos que se descoñecen, porque non estaba enferma". Aínda que se devolveu ao mar "é un animal inviable, porque depende da súa nai e non tería a máis mínima posibilidade de sobrevivir". Segundo explica, procedeuse a extraer unha mostra do mamífero. 

Así mesmo, recordou que no pasado mes de decembro apareceron catro exemplares similares noutras zonas da costa galega, cuestión que atribuíu á frecuencia coa que as baleas comúns se desprazan polas augas situadas fronte ao litoral de Galicia.