Unha muller de 37 anos, ferida grave tras chocar cun camión en Brollón

Estado no que quedaron os vehículos implicados no accidente.TOÑO PARGA

O accidente produciuse nunha estrada moi estreita e chea de curvas, a que conduce a Piño

Unha muller de 37 anos, veciña da localidade de Eixón —A Pobra do Brollón—, resultou ferida de gravidade este martes tras chocar frontolateralmente o turismo que conducía cun camión de gran tonelaxe na estrada provincial LU-P-4703, que conduce a Piño e á Ferreirúa, unha vía moi estreita e con curvas moi pechadas. O sinistro ocorreu ás nove e media da mañá, cando o vehículo pesado, que dispuña dun semirremolque articulado para a carga e transporte de madeira, cruzouse co Opel Insignia que pilotaba a vítima, de iniciais M.A.C.L.

Segundo a fonte consultadas, tratouse dun impacto seco, moi forte. Así, foi grazas ás medidas de seguridade pasivas que levaba incorporadas o turismo que a condutora puido salvar a vida.

Tiveron que acudir os bombeiros do parque comarcal de Monforte para excarcerar á muller e trasladala ao hospital comarcal, onde durante todo o día foi obxecto de numerosas probas diagnósticas. A última, a media tarde, foi realizarlle un TAC, pois se queixaba de fortes dores na cabeza e as costas.

A Garda Civil de Tráfico mantivo cortada a estrada nas que se produciu o accidente durante máis de tres horas, o tempo necesario para retirar o camión.