A neve caerá en Vigo cada hora a partir do 24 de novembro

Abel Caballero comprobando este martes o funcionamento das máquinas que producirán neve artificial. CONCELLO DE VIGO
Medio cento de máquinas lanzarán copos artificiais "un par de minutos cada hora" no gran mercado do Nadal da cidade

O Concello de Vigo instalará na Praza de Compostela un mercadillo do Nadal de artesanía e postos de alimentación, todo iso iluminado cun gran corredor de luces e con neve, grazas a 50 máquinas que lanzarán copos artificiais cada hora. 

Avanzouno este martes o alcalde, Abel Caballero, quen informou de que o mercadillo, con 58 postos e espazos "para tomar algo", abrirá o 24 de novembro

Ademais de situarse á beira da gran nora —"un dos grandes atractivos" da Nadal de Vigo este ano—, haberá así un aliciente máis: "nevadas" periodicamente. "Cada hora, haberá un par de minutos en que vai nevar. O alcalde, que xa controla bastante ben a choiva e o sol, agora vai controlar a neve", chanceou o rexedor. 

Caballero recordou que a campaña do Nadal de Vigo, que xa é "un fenómeno turístico en toda España e unha parte importante de Europa", contará con outros atractivos, como a iluminación: 10 millóns de luces LED repartidos en 334 rúas, 2.700 arcos, 465 árbores, a árbore xigante, a bóla de neve, o boneco e outros elementos ornamentais. Todo iso, asegurou, cun consumo enerxético "practicamente cero", e ao que hai que engadir outras iniciativas, como mercados, a pista de patinaxe, a rampla de xeo ou o poboado do Nadal

Caballero mostrouse convencido de que, neste ano, o Nadal vigués volverá bater marcas, e superará os "dous millóns de visitantes" da campaña pasada.