O Concello de Nigrán recordará esta fin de semana os incendios forestais do pasado 15 de outubro con diversas actividades na Alameda de San Campio da Ramallosa, a cargo da corrente artística Arte no queimado.
O promotor desta corrente, xurdida por mor dos incendios, Juan Coruxo, iniciou este venres xunto aos seus compañeiros Remigio Dávila e Rosendo González a talla de cinco de árbores secas.
Unha vintena de artistas tamén traballarán nesta alameda con material procedente da catástrofe.
Talleres infantís, pasarrúas ou a actuación do acordeonista de Priegue Roberto Comesaña, gañador dun Grammy en 2016, serán algunhas das actividades previstas para o domingo.
"Unha gran xornada lúdica e educativa na que buscamos non perder a memoria do ocorrido e concienciarnos todos do desastre absoluto que supoñen os incendios", asegurou o alcalde de Nigrán, Juan González.
A comunidade de montes de Camos e Chandebrito, a asociación veciñal O Castro de Chandebrito e Coruxo Arte, tamén participarán nesta iniciativa.