Noites xeadas e días primaverais

O anticiclón proporcionará estabilidade ata, polo menos, o sábado​

Buen tiempo - Una persoa hace deporte en la playa Grande de Miño este lunes. CABALAR (EFE)
photo_camera Unha persoa fai deporte na praia Grande de Miño este luns, baixo un ceo completamente despexado. CABALAR (EFE)

O anticiclón manda en Galicia, onde este luns xa se alcanzaron os 18 graos de máxima.

As temperaturas primaverais continuarán ao longo de toda a semana, chegando incluso ata os 19 graos este martes en Vigo e, o mércores, tamén en Ourense e Pontevedra.

Con todo, os ceos despexados fixeron que se rexistrasen fortes xeadas pola noite, propias do mes de febreiro, e os termómetros marcasen este luns valores negativos nas provincias de Ourense, Lugo e A Coruña. Así, as mínimas baixaron ata os -6 graos na cabeza de Manzaneda, a -3,8 en Calvos de Randín, -2,4 en Cervantes ou ata o -1 grao rexistrado en Castro de Rei e Zas.

Para o martes, segundo a previsión de Meteogalicia, espéranse nubes de tipo alto pola mañá, que darán paso a un día asollado. As mínimas serán baixas pero as máximas volverán ascender grazas, en parte, aos ventos do sueste. Unha situación moi similar á que se espera o mércores, cando poderían recuperarse os valores mínimos, con ventos de compoñente sur e ceos, en xeral, despexados. O xoves mandarán de novo os ventos do sur e non se esperan grandes cambios nas temperaturas. 

Deste xeito, prevese que a influencia anticiclónica se manteña, polo menos ata o sábado, cando podería aparecer máis nebulosidade e descender, lixeiramente, as temperaturas máximas. Aínda así, a previsión non contempla a chegada de choivas ata o vindeiro luns, 18 de febreiro. 

tempo

Comentarios