Novo repunte de contaxios en centros escolares galegos, que contabilizan 1.181 positivos

Un neno debuxando. EP
photo_camera Un neno debuxando. EP

O impacto da segunda onda da covid-19 nas escolas infantís e centros de educación non universitaria de Galicia segue aumentando co paso das datas, ao contabilizarse, segundo o último reconto do Servizo Galego de Saúde, 1.181 casos.

Son 95 casos máis en comparación coa anterior cifra, correspondente ao sábado, aínda que ese incremento non se traduce en máis aulas en corentena, senón que ao contrario baixaron ata as 46, catro menos.

Ademais, abriu un dos dous centros que permanecían pechados, o punto de atención infantil de Boborás (Ourense). Só permanece clausurada a escola infantil Golfiños, en Lugo.

En total, son 566 os centros educativos de Galicia nos que polo menos se contabiliza un contaxio, dos cales se concentran 155 na área sanitaria de Vigo, e 101 na da Coruña.

Estas dúas son precisamente as áreas sanitarias con maior incidencia: na de Vigo cóntanse 313 casos activos, 41 máis que o sábado, e 12 aulas pechadas, e na da Coruña, 197 casos, 24 máis, e sete aulas pechadas, unha menos.

A continuación figura a área de Santiago, con 160 positivos nos seus centros escolares, sete máis que o sábado, e catro aulas pechadas; Pontevedra, con 135 casos, nove máis, e tres aulas pechadas, catro menos; e ascende á cuarta posición Ferrol con 133 casos, 18 máis, e cinco aulas pechadas, unha menos.

Completan a listaxe as áreas de Lugo, con 128 positivos, seis menos, e sete aulas pechadas, unha máis, e en última posición, Ourense, con 115 contagios, dez máis, e oito aulas pechadas.

Os centros escolares de Galicia que máis contagios concentran son o CPR Apóstolo Santiago, en Vigo, con 14 casos; o Lucus Augusti, en Lugo, con 12; e o LAR de Mos, con 10. 

Comentarios