Soben a 15 as mortes por coronavirus asociadas á residencia do Incio

Unha traballadora da residencia do Incio. XESÚS Ponche
Tamén morreu unha usuaria da residencia de Outeiro, co que en Galicia xa hai 661 vítimas mortais

Un home de 88 anos, usuario da residencia de maiores de O Incio e ingresado no Hospital Lucus Augusti (Hula) tras contaxiarse de coronavirus, faleceu este domingo, co que son quince as mortes por tal enfermidade asociadas a este centro, que sofre un importante brote. 

O servizo galego de saúde (Sergas) tamén informou doutro deceso ligado a residencias, neste caso en Outeiro de Rei, tamén en Lugo, e trátase dunha muller de 89 anos que se atopaba no mesmo complexo médico. 

Os dous presentaban patoloxías previas, sinala Sanidade. Os falecidos da pandemia na comunidade ascenden a 661, sumando estes dous novos casos.