O temporal provoca máis de 130 incidencias na comunidade

O municipio lucense de Cervantes rexistrou o récord de vento na comunidade, cun refacho de 133,7 quilómetros por hora
Las lluvias estuvieron presentes en toda la Comunidad
photo_camera Las lluvias estuvieron presentes en toda la Comunidad

O centro de atención ás urxencias 112 Galicia xestionou entre as seis da madrugada e as seis da tarde deste luns un total de 131 incidencias relacionadas co temporal rexistrado en terra e nos litorais das provincias da Coruña e de Pontevedra.


O maior número de intervencións -un total de 66- estiveron relacionadas coa retirada de ramas e con árbores caídas en estradas principais e secundarias da comunidade.

Ademais, rexistráronse case unha trintena de chamadas por mor de inundacións en vivendas, rúas, baixos comerciais e por bolsas de auga en estradas.

Afortunadamente, informou a central que coordina as urxencias en Galicia, non se rexistraron danos persoais causados pola desfavorable meteoroloxía, nin tampouco graves danos materiais.

A provincia máis afectada foi Pontevedra, con 53 contratempos, seguida da Coruña, con 44, mentres que Lugo e Ourense foron as menos afectadas, con 18 e 16 incidencias, respectivamente. 

FORTES VENTOS. A alerta laranxa por temporal abandonou Galicia con ventos de máis de 130 quilómetros por hora e refachos que superaron os 120 nas catro provincias.

Un dos puntos con condicións máis adversas estivo na illa de Sálvora, onde caeron nas primeiras horas ata 66,4 litros de choiva por metro cadrado, mentres que o refacho máximo de vento foi de 98,9 quilómetros por hora.

Con todo, tivo a marca do día o municipio lucense de Cervantes, na estación situada en Ancares, cun rexistro de 133,7 quilómetros por hora na velocidade do aire, un dato contabilizado á primeira hora da tarde.

A área de Costa da Morte sufriu, ademais, as consecuencias deste importante fenómeno de choiva e vento, con refachos de 125,1 quilómetros por hora rexistradas, por exemplo, na Gándara, en Vimianzo.

O outro punto galego con máis choiva, tras a illa de Sálvora, estivo precisamente moi preto desta estación da Gándara, concretamente na de Coto do Muíño, en Zas, con 46,1 litros de choiva por metro cadrado.

A cifra de vento máis alta na provincia da Coruña, rexistrada tras o mediodía, estivo en Punta Candieira, en Cedeira, onde os refachos alcanzaron os 130,1 km/h.

Sobresae, igualmente, en Pontevedra, a estación de Castro Vicaludo, en Oia, con 123,1 quilómetros por hora, a marca nesta provincia, que tivo os números máis baixos da xornada.

Ourense viu un refacho de 130,8 km/h en Carballeda de Valdeorras, na estación de Lardeira, moi preto do límite entre Galicia e Castela e León.

Diversas localidades, como A Coruña e Ferrol, tiveron os seus parques e zonas costeiras pechadas desde primeira hora por precaución, coa cancelación de todas as actividades no exterior ata primeira hora da tarde, cando terminou unha alerta laranxa que mañá pola noite será amarela por vento.

O sector aeronáutico ha visto afectada a súa operación normal, pois o aeroporto da Coruña tivo refachos de vento próximas aos setenta quilómetros por hora e o vento en altura, do oeste desde os mil metros, estivo entre os noventa e os 110 km/h.

 

Comentarios