Oferta de máis de 900 prazas de formación continua para persoal da Policía Local

Tamén haberá formación específica en materia de menores que abarcará todos os ámbitos de intervención
Curso de formación de AGASP
photo_camera Curso de formación de AGASP. AEP

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns o plan de formación continua da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para o persoal da policía local e que se impartirá durante o último cuadrimestre do ano.

O plan de formación inclúe 42 actividades, preto de 700 horas de formación e máis de 900 prazas. Durante os próximos meses impartiranse cursos en materias comúns, como tráfico e seguridade viaria, pero tamén novidades como formación relacionada cos vehículos de mobilidade persoal (os patíns) ou a investigación de atropelos.

Ademais, o Plan de formación inclúe dous cursos superiores: un en materia de urbanismo, medio ambiente e protección do patrimonio, e outro de actuación práctica ante os tribunais. Neste último cuadrimestre trataranse por vez primeira materias como aporofobia (neoloxismo que dá nome ao medo, rexeitamento ou aversión aos pobres), o edanismo (actitudes e prexuízos asociados ás persoas maiores) ou os métodos de intervención policial en trastornos de desenvolvemento infantil. En setembro presentarase a formación específica en materia de violencia de xénero, un plan no que a AGASP descentraliza toda a súa formación a todas as xefaturas e concellos con policía local co obxectivo de levar os coñecementos ao 100 % dos profesionais que traballan en Galicia.

Comentarios