Os expropiados de Fadesa recibirán a indemnización a partir do 29 de febreiro

O Tribunal Superior de Xustiza ditou que o concello de Miño é o responsable de indeminizar aos afectados da urbanización Costa Miño Golf

Os expropiados da urbanización Costa Miño Golf, impulsada por Martinsa-Fadesa, van recibir a súa correspondente indemnización a partir do 29 de febreiro, tal e como foi anunciado o martes polo alcalde Ricardo Sánchez Oroza no pleno do concello de Miño, responsable subsidiario dun abono que ascende a 12,5 millóns de euros.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia instara en outubro ao concello de Miño a indemnizar aos afectados, ao ser considerada a responsable da expropiación desde que a inmobiliaria entrou en proceso de liquidación.

Os afectados da urbanización Costa Miño Golf, que empezou a construírse en 2002 e posteriormente quedou sen terminar cando crebou Fadesa, recibirán o abono a partir do día 29 de febreiro, momento no que se ingresará a cantidade nunha conta do xulgado.

O diñeiro procede dun préstamo do Fondo de Impulso Económico do Goberno que, sumando os intereses xerados, obriga ao concello a devolver no futuro preto de 21 millóns de euros.

Co fin de ter un acceso máis rápido e poder facer fronte a este montante, o Concello solicitou que se lle recoñecese como acredor preferente no concurso de Fadesa , unha petición que foi desestimada o pasado 15 de xaneiro e que agora está en cernes de recorrer.

Tendo en conta que só hai "entre un 10 e un 20 por cento" de que este recurso prospere, como anunciaron desde o consistorio a pasada semana, é moi probable que as arcas do Concello queden nunha situación "delicada" que desembocará na imposición de "duras medidas económicas", segundo comentou o interventor no mes de decembro. 

Comentarios