Os PAC cumpren 200 días en folga "sen ánimo de solución por parte do Sergas"

Unha manifestación de PACs en Pé de guerra. AEP

O persoal denuncia que traballa "baixo mínimos", o que pode levar a un "aumento dos erros"

Os Puntos de Atención Continuada (PAC) de Galicia cumpriron este fin de semana 200 días en folga, polo que criticaron que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non deu "noticias" para "intentar alcanzar unha solución" ao conflito, "salvo a súa negativa a aceptar unha mediación solicitada polos traballadores ante a falta de diálogo". 

Segundo indicaron nun comunicado, os PAC de Marín e Vilagarcía deberán "realizar 14 horas máis este domingo", debido a que o Sergas manifestou que é "obrigatorio e preciso por necesidades de servizo" e apela ao "cumprimento do pacto que rexen as súas condicións laborais" para levalo a cabo. 

O persoal reivindica o cumprimento deste pacto e que se poña "o mesmo empeño en cumprir cos dereitos laborais dos traballadores do mesmo xeito que ocorre coas súas obrigacións", mediante o adecuado cómputo da xornada en calendario coa revisión dos plans funcionais (recursos humanos tendo en cantas variables como o número de asistencias). 

Os traballadores instan ao Sergas a que "asuma a súa responsabilidade de dar unha asistencia sanitaria digna e de calidade"

Así mesmo, destacaron "a falta de previsión na cobertura de ausencias previstas e a de plans de continxencia para cubrir ausencias imprevistas" que leva ao persoal a traballar "baixo mínimos ou en condicións de pouco descanso" que pode levar a un "aumento dos erros".

"GARANTIR DEREITOS DOS TRABALLADORES". Os traballadores instan ao Sergas a que "asuma a súa responsabilidade de dar unha asistencia sanitaria digna e de calidade", así como "garantir os dereitos dos traballadores, facilitando canles de comunicación establecidos para chegar a unha solución a este conflito" que se prolonga desde hai un ano e medio. 

Ademais, subliñaron que esta semana o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou un plan para a extensión da hospitalización a domicilio en Galicia durante todo o ano, o que "custa entender como pode ser posible sen os recursos humanos que á PAC néganselles insistentemente por falta de facultativos".