Paco Vázquez: "O PSOE é o bobo útil de Podemos e o separatismo"
O exalcalde socialista da Coruña critica, nunha entrevista no Español, as alianzas de Pedro Sánchez e móstrase próximo a Ciudadanos
O exalcalde da Coruña Paco Vázquez —tamén exembaixador ante o Vaticano e, durante dúas décadas, deputado socialista no Congreso— afirmou nunha entrevista en El Español que, aínda que lle "doe" dicilo, o PSOE é "o bobo útil de Podemos e o separatismo" catalán.
Vázquez reprocha a Pedro Sánchez as súas alianzas para chegar á Presidencia do Goberno, xa que, segundo el, apoiouse "no trípode da maldade" formado polos "comunistas caribeños, os golpistas e Bildu".
Así mesmo, considera que o partido socialista está "okupado" xa que as actitudes da actual dirección "supoñen a revisión de todo o que achegou o PSOE durante a Transición" e recoñece que "posiblemente" vote a Ciudadanos nas próximas eleccións. "Non podo votar ao PSOE, iso podería servir para construír os gobernos que xa vimos a nivel autonómico eu municipal. Buscarei a quen me garanta un compromiso firme cos valores constitucionais", explica.
Ademais da "non defensa" da Constitución, Vázquez acusa ao PSOE de volver "ao anticlericalismo". "Buscan retornar a todas as cuestións que no pasado dividiron a España: tema territorial, relixión e memoria histórica", engade na entrevista.