Padrón celebra en Casa Dios os 102 anos da raíña do pemento

Carmen Rivera Magariños, 'Carmucha', posa con motivo do seu 102 anos, no restaurante Casa Dios de Herbón. LAVANDEIRA JR.

Carmucha é a pementeira máis lonxeva de Herbón

A pementeira máis lonxeva de Herbón, Carmen Rivera Magariños, máis coñecida como Carmucha, celebrou este mércores o seu 102 aniversario na taberna Casa Dios, que ela mesma rexentou e que seguiu na familia de xeración en xeración. ¿Cal é o segredo da lonxevidade? O seu fillo, Jorge Lago Rivera, teno claro. "Traballar moito na súa idade, comer produtos naturais, todo criado e cultivado na casa", asegurou en declaracións a Efe, nas que tamén destacou a importancia de facer exercicio, pero iso si, "na leira e no monte".

"A miña nai sempre traballou na leira, é o que había neses tempos; a universidade era a propia terra", apuntou o fillo da pementeira, quen tamén recordou que "din que os pementos (sobre todo os de Herbón) dan lonxevidade". Carmucha celebrou os seus 102 anos cunha comida xunto aos seus familiares e aos seus achegados máis íntimos, aínda que a sobremesa do evento estaba aberto para quen quixese "vir tomar un café ou uns chupitos". Iso si, ata certa hora e sen que veña "toda a parroquia".

Aínda que o menú da comida é un segredo, o fillo de Carmucha revelou que, como non podía ser doutro xeito, o pemento é o ingrediente estrela: houbo polbo servido con pementa picante e carne ao caldeiro con pementa doce, elaborada polo sobriño de Jorge, "con pemento de Herbón, evidentemente".

Carmen traballou a terra desde moi nova, ata que, anos máis tarde, fundou a empresa Pementos Carmucha, que agora dirixe a súa filla, mentres que o seu neto José Manuel Ferro Lago lanzou ás mercado Confeituras Carmucha, todo feito con pementos de Herbón e con sabor tanto doce como picante.

O Pemento de Herbón, que son de alí e non de Padrón como tal, son un produto con Denominación de Orixe Recoñecida desde 1995. Carmucha é, sen dúbida, a persoa viva que máis traballou con este produto e o amor por el foi pasando unha quinta tras outra.