Un dos panadeiros que explotaba os empregados en Pontevedra: "Non se obrigou a ninguén a traballar"
Asegura que non lle deben nada aos obreiros, aínda que el e o seu irmán foron condenados porque só deixaban librar os seus empregados dous días ao ano
"Hoxe en día o que hai é inválidos, pero parvo xa non queda ningún. Como vai vir un a traballar se non lle pagas?". Así respondía a un reporteiro un dos irmáns panadeiros de Pontevedra que foron condenados porque só deixaban librar os seus empregados dous días ao ano, en Nadal e Ano Novo. "Estades a meter nun batifondo a unha familia modesta, de toda a vida; aquí non se obrigou a ninguén a traballar forzado, nunca", replicou Benigno ao ser cuestionado por un xornalista do programa Espejo Público sobre a sentenza que condena a el e ao seu irmán a tres meses de cárcere e ao pago de 120.000 euros de multa.
E o empresario condenado vai máis aló. "Vouche dicir unha cousa, hoxe en día o que hai é inválidos, pero parvo xa non queda ningún. ¿Como vai vir un a traballar se non lle pagas? Os que están xubilados da nosa panadería viven ben e teñen bos coches e están contentos. Veu un inspector de traballo e contáronlle cousas, pero non se debe nada de catro anos", sentenciou.