O Parlamento escolle a María Xosé Porteiro como adxunta á Valedora do Pobo

A escritora e xornalista, que foi deputada polo PSOE, foi nomeada cos votos a favor de populares e socialistas
María Xosé Porteiro. ARQUIVO
photo_camera María Xosé Porteiro. ARQUIVO

A Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia nomeou este luns a María Xosé Porteiro (Madrid, 1952) como adxunta á Valedora do Pobo cos votos favorables de PPdeG e PSdeG, a abstención do Grupo Mixto e o voto en contra do BNG e En Marea.

Tras a elección o pasado mércores da candidata proposta polo PPdeG para ser Valedora do Pobo, a maxistrada María Dolores Fernández Galiño, o PSdeG propuxo o nome da xornalista, escritora e exdeputada socialista María Xosé Porteiro como adxunta.

Porteiro conta cunha ampla traxectoria política, sendo tenente de alcalde no Concello de Vigo entre 1987 e 1991 e entre 2003 e 2006, deputada no Parlamento de Galicia entre 1989 e 1997 e no Congreso dos Deputados entre 2004 e 2007, así como delegada da Xunta de Galicia en Arxentina entre 2007 e 2009.

Mentres que o procedemento para elixir á Valedora do Pobo require da aprobación por parte do Pleno do Parlamento de Galicia, o nomeamento da adxunta xa é oficial tras recibir o respaldo da Comisión de Peticións, onde necesitaba un apoio de tres quintos da Cámara, un total de 45 deputados.

A deputada do PSdeG Patricia Vilán destacou durante a súa intervención o feito de que tanto a Valedora como a súa adxunta son mulleres, "un feito que non se deu nunca ata a data" e que ambas teñen "un currículo brillante sen ningunha tacha". "Porteiro, ademais, ten unha ampla bagaxe na defensa dos dereitos das persoas na emigración", engadiu.

Con respecto ao procedemento para a elección da Valedora e a súa adxunta, Vilán recordou que a maioría necesaria para a súa designación era imposible sen o apoio do PP, polo que o PSdeG "apostou pola apertura dunha nova etapa" e, como segunda forza da Cámara, propuxo "á única candidata que se vota hoxe".

POLÉMICA CON CABALLERO. Mentres tanto, a deputada do PPdeG Paula Prado cargou duramente contra Gonzalo Caballero, quen nunha entrevista publicada o pasado domingo nun xornal galego asegurou que non se pactou co PP o nomeamento da Valedora do Pobo e a súa adxunta.

"Se non houbese pacto, poderiamos votar o que nos dese a gana ou pedir que se suspendese a sesión pero, como hai un pacto, votaremos a favor", explicou Prado, quen apuntou que "todos temos maioría de idade política para saber que houbo un pacto" e preguntouse se o líder dos socialistas "cre que somos uns inxenuos".

A deputada popular tamén sinalou que "asumir un pacto é o que define a un líder serio e fiable e é o que diferencia a Caballero do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo", tras o que se preguntou se o secretario xeral do PSdeG "ou mente ou non sabe que pacta o seu grupo parlamentario, que agora preside".

"O currículo de María Xosé Porteiro parécenos adecuado e esperamos que a súa profesionalidade e a súa obxectividade estean por encima da súa traxectoria política", concluíu Prado, quen engadiu que o PPdeG vota a favor dela porque "cre que é capaz de ser independente" e porque respecta o pacto "a pesar de que Caballero rompese o consenso".

Pola súa banda, a deputada de En Marea Carmen Santos lamentou o procedemento seguido, xa que PPdeG e PSdeG "acaban caendo nos erros de sempre a pesar do seu discurso de defensa sen concesións das institucións" e, aínda que este foi "legal", é "un erro estrepitoso insistir en dar esta imaxe e prexudica ás propias candidatas".

"Imos ver que pasa a partir de agora e a traballar con colaboración e lealdade, pero vixiantes para evitar que se repitan os erros da anterior Valedora, Milagros Otero, quen, máis aló do enchufismo, se dedicou a perseguir politicamente ao entón alcalde de Santiago, Martiño Noriega", resolveu Santos.

A deputada do BNG Montse Prado insistiu en que a súa formación non coincide "nin co fondo nin coa forma" da "repartición de cadeiras de PPdeG e PSdeG", xa que entende que, "máis aló do seu valía", a Valedora e a súa adxunta son "nomeadas de parte" e, polo tanto, "teñen todas as papeletas para traballar de parte, ao servizo de quen as nomeou".

"Hai catro anos PPdeG e PSdeG repartíronse o consello de administración da CRTVG e a Valedora do Pobo e vimos como o primeiro estivo á fronte do peor momento dos medios públicos e a segunda foi condenada por nepotismo", engadiu.

A pesar de que se poñan en valor "aspectos feministas e progresistas" de ambas as candidatas, que "está moi ben", Prado non ten "ningunha esperanza" de que a Valedora e a súa adxunta "vaian defender aos galegos fronte aos seus partidos" nos asuntos que suscitan a maioría de queixas, como "a sanidade, os servizos sociais ou as pensións".

Para rematar, a deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez Verao asegurou que o seu grupo "non ten nada en contra do perfil proposto" polo PSdeG para ocupar o cargo de adxunta a Valedora do Pobo, xa que Porteiro "encaixa no perfil de muller que pode tender pontes na esquerda".

"A pesar diso, o noso posicionamento será non apoiar o seu nomeamento, xa que o procedemento escollido non foi o do diálogo, que consideramos necesario", xustificou Vázquez Verao, quen lamentou que o diálogo permitise "frear o proceso de desprestixio da institución non só polo nepotismo, senón polo propio uso que se lle deu".

A anterior Valedora do Pobo, Milagros Otero, renunciou formalmente ao cargo o pasado 23 de xullo, catro meses despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitase un recurso á sentenza que a condenaba polo nomeamento como xefa de Persoal de María Puy Fraga, irmá do portavoz parlamentario do PPdeG e sobriña do falecido fundador do PP Manuel Fraga.

Comentarios