Unha parroquia de Negreira loita contra un parque eólico rexeitado en tres concellos

Cartel en contra da "invasión" dos parques eólicos en Campolongo, en Negreira. EP
Os veciños alertan de que a instalación, que tamén afecta a Outes e Mazaricos, tería un "forte impacto" sobre a paisaxe e a forma de vida dos residentes nunha zona onde moitos viven da produción láctea

Os veciños dunha parroquia do municipio coruñés de Negreira activaron unha campaña para tratar de evitar a instalación dun parque eólico en terras dedicadas á actividade gandeira e forestal e que, segundo denuncian, tamén afectaría a un miradoiro de gran "valor paisaxístico" desde o que se divisan ata 19 concellos. Alertan por iso de que a instalación do parque de Banzas tería un "forte impacto" na forma de vida dos veciños e na paisaxe e propuxéronse non cesar na loita. 

Con ese fin, os veciños de Santa Cruz de Campolongo —unha parroquia de apenas 50 veciños— elaboraron un escrito de alegacións contra o proxecto, colocaron decenas de carteis e mobilizáronse a través das redes sociais, todo para intentar frear unha instalación que tamén afecta aos municipios de Outes e Mazaricos. Aseguran, de feito, que a batalla é "común" e "sumou apoios noutros municipios" da zona contrarios á localización de aeroxeradores en espazos nos que consideran que o dano medioambiental sería elevado, como expoñen nunha nota de prensa.

O propósito de facer "fronte común" levou á convocatoria para este xoves dunha reunión de administracións locais e habitantes dos concellos afectados para abordar o tema. 

PREOCUPACIÓN. É especialmente activa nesa loita a asociación de veciños 3 de Maio de Campolongo, unha parroquia "circundada" por dous parques eólicos que xa en 2006 fixo fronte á execución dun proxecto dese tipo nas súas terras, onde finalmente lograron que non se instalasen novos muíños.

Os veciños alertan de que o parque ocuparía unha superficie utilizada con fins agrícolas, gandeiros, forestais e turísticos

Agora, ante un novo proxecto, os afectados recoñecen o "importante papel" que xogan as fontes de xeración limpas. "Pero non a calquera prezo", din. Alegan que o proxecto do parque eólico de Banzas, promovido por Green Capital Power, ocuparía unha superficie utilizada "con fins agrícolas, gandeiros, forestais e incluso turísticos", nunha zona onde boa parte dos veciños viven da produción láctea.

Os veciños alertan, nese punto, de que os ruídos e ondas electromagnéticas que provocarían os aeroxeradores "causarían tensión", o que incidiría no benestar e a produción do gando, e reducirían a base territorial da que xa adoecen moitas granxas para reforzar a súa viabilidade. Nas súas alegacións destacan, ademais, que o espazo que ocuparía a instalación está dedicado á produción de madeira, "unha fonte de ingresos de grande importancia para moitas explotacións e empresas".

O ruído dos aeroxeradores é outra das súas preocupacións. "Estas instalacións poden provocar presión no oído, vertixe, náuseas, mareos, dores de cabeza, visión borrosa, taquicardia, irritabilidade, déficits cognitivos varios, agravamento de patoloxías crónicas como a diabetes, a hipertensión e as desordes autoinmunes", alerta a asociación.

Os residentes na zona temen o impacto dos ruídos e que se poida contaminar a auga dunha fonte da que se serven

AUGA E PAISAXE. As súas alegacións van máis aló, porque —aseguran— o proxecto implica instalar muíños nunha parcela que ten unha fonte de auga da que se serven os veciños. E que "co parque eólico a auga iría contaminada para as nosas casas e os nosos animais", alertan, ante o risco de que se vexa afectada polos labores de limpeza e potenciais derrames de sustancias perigosas procedentes da maquinaria das obras.

Tamén cren "gravísimo" que o proxecto contemple a instalación dun aeroxerador no miradoiro Monte do Cotro, nun enclave que "naceu do traballo dos veciños con subvencións das administracións públicas" e hoxe é un punto de atracción de visitantes.

Así as cousas, o colectivo sostén que os "danos" que podería provocar a instalación xustifican a procura doutras localizacións e subliñan que son "impagables" coas rendas que os promotores poidan ofrecer aos donos dos terreos.