Pedro Sánchez ofrecerá un mitin en Vigo o vindeiro martes

Borrell estará o venres en Ourense e Pedro Duque o domingo en Lugo

Pedro Sánchez en un mitin. JAVIER BELVER (Efe)
photo_camera Pedro Sánchez nun mitin. JAVIER BELVER (Efe)

O presidente do Goberno e candidato do PSOE nas próximas eleccións xerais, Pedro Sánchez, ofrecerá un mitin electoral na cidade de Vigo o vindeiro martes 16 de abril.

É o que confirmou este martes en rolda de prensa o secretario xeral do partido en Galicia, Gonzalo Caballero, que adiantou parte da axenda prevista polos socialistas na primeira semana de campaña.

Ao acto de Sánchez súmanse, nos días previos, dous mitins en Galicia coa presenza de ministros: o de Asuntos Exteriores, Josep Borrell, o venres en Ourense; e o de Ciencia, Pedro Duque, en Lugo o domingo.

No entanto, Caballero non avanzou aínda onde terá lugar o tradicional evento de pegada de carteis na madrugada do venres, xa que -segundo explicou- esa mesma noite participará na presentación do candidato do PSdeG en Teo (A Coruña) de face ás eleccións municipais.

Na súa comparecencia, o dirixente socialista manfiestou que "está a piques de comezar unha campaña electoral de alta intensidade política" na que o seu partido tratará de percorrer "o conxunto do país" para "trasladar á cidadanía galega a importancia vital das próximas eleccións xerais".

Con este fin, os socialistas galegos combinarán "actos de maior dimensión con percorridos e contactos con distintos sectores e actores da sociedade e da economía galega", nos que se involucrarán "todos os cadros políticos do PSdeG", así como os seus candidatos ao Congreso dos Deputados e ao Senado.

En campaña, esta organización tratará de defender un proxecto de Goberno que -asegurou Caballero- "ten o interese da maioría como prioridade" fronte a unha dereita que, como ratifica a recente presentación do programa electoral do PP, dixo, pegou un xiro cara a posicións "ultraconservadoras".

Así mesmo, o líder do PSDdeG reprochoulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que se poña "de perfil" nun contexto no que o seu partido propón medidas que "implican un retroceso histórico en Galicia" e en cuestións como a igualdade de xénero.

Do mesmo xeito, afeoulle que non recoñeza os méritos dos dez meses de Goberno de Sánchez, unha actitude que "ten que recibir un castigo e un retroceso histórico nas urnas e nas eleccións xerais", sostivo.

Comentarios