Piden catro anos de prisión para Antonio Pensado, exalcalde de Coristanco, por prevaricación

A Fiscalía solicita para o popular penas de inhabilitación que suman 32 anos

Antonio Pensado, centro. ARCHIVO
photo_camera Antonio Pensado, centro. ARCHIVO

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Carballo decretou a apertura de xuízo oral contra o exalcalde de Coristanco, Antonio Pensado, que durante 24 anos foi rexedor co PP e que, o ano pasado, despois dunha moción de censura para desbancar a Terra Galega pasou ao grupo dos concelleiros non adscritos.

O Ministerio Público solicita, para el, 4 anos e 6 meses de prisión por un delito de falsidade en documento oficial e penas de inhabilitación que suman 36 anos por tres delitos continuados de prevaricación en relación coas presuntas irregularidades detectadas na contratación de obra pública e na concesión dunha planta de tratamento de lodos, segundo recolle o escrito de cualificación fiscal ao que tivo acceso Europa Press. 

Na súa cualificación dos feitos, a Fiscalía acusa tamén a tres irmáns, propietarios de dúas empresas, de tres delitos de tráfico de influencias continuado en relación de concurso medial con outro tres delitos de prevaricación continuada por uns expedientes de contratación de obra pública do concello de Coristanco entre os anos 2009 e 2013.

Por eles, pide penas que oscilan entre os 2 anos e 4 meses e os 2 anos e 3 meses.

DENUNCIA EN 2013. A denuncia partiu da que foi secretaria municipal do concello de Coristanco a partir de 2011 e que puxo en coñecemento da Fiscalía, en agosto de 2013, a existencia de presuntas irregularidades na contratación administrativa de obra pública e tamén de servizos, "observando que sistematicamente se estaba beneficiando ás empresas pertencentes" aos empresarios imputados. 

Entre outros casos, a Fiscalía cita o da planta de compostaxe, para o tratamento de lodos. Así, sinala que o exalcalde argumentou que "todos os informes" eran "favorables" e que non existía, por parte da Alcaldía, "inconveniente para conceder a licenza". 

"Manifestación que coñecía perfectamente non ser certa posto que lle consta que o informe da secretaria municipal era negativo, pretendendo o acusado con ese documento falso evitar posibles repercusións negativas para as empresas –sinala sobre as dos empresarios imputados– por comezar as obras sen ter autorización para iso evitando tamén a incoación dun expediente de reposición da legalidade urbanística por parte do concello". 

Comentarios