Pilota como Deus manda

O cartel da parroquia de San Pedro da Ramallosa, en Nigrán, fíxose viral nas redes. TWITTER

A DXT faise eco do cartel dunha parroquia de Nigrán que avisa de que "se queres ver a Deus, mándalle un whatsapp mentres conduces"

Unhas pingas de retranca, ben mesturadas cunha profunda conciencia, valéronlle ao párroco de San Pedro de Ramallosa, en Nigrán, para conseguir que a súa mensaxe de precaución nas estradas alcance unha difusión que xa quixese para si a campaña de publicidade da DXT. "Se queres ver a Deus, mándalle un whatsapp mentres conduces", advirte o sacerdote desde un cartel colocado á entrada do templo e que, desde a fin de semana, percorre o país a través das redes sociais, entre comentarios que celebran tanto o seu sentido do humor como o seu labor social. Incluso Tráfico se fixo eco este luns deste apoio divino. "Toda axuda é pouca, calquera campaña é benvida e xa se vén de arriba... Ao volante, non uses o móbil. 100% atento", recordou en Twitter.

En realidade, o texto de Xosé Manuel Lence, á fronte desta parroquia pontevedresa desde 2013, é o remate dunha especie de código breve de boa conduta no que, do mesmo xeito que se fai nos cines e os teatros, apela a unha mensaxe moi común na era da hiperconectividade: por favor, desconecta o móbil. Tamén durante a misa. "Ao entrares nesta igrexa, é posible que escoites a chamada de Deus, pero non é nada probable que te chame hoxe ao móbil. Grazas por apagar o teu teléfono", reza o mordaz enunciado. Os sacramentos non admiten a multitarea.

Pero o que realmente triunfou foi a coda do anuncio. "Se queres falar con Deus, entra, escolle un lugar tranquilo e fala con El" e, máis aínda, "se queres ver a Deus, mándalle un whatsapp mentres conduces". A frase incide nunha das principais preocupacións da DXT, que leva anos lanzando iniciativas para tratar de concienciar aos condutores sobre o perigo dunhas distraccións ao volante que, cada vez máis, están vinculadas precisamente ao uso das tecnoloxías e as redes sociais. As mesmas que viralizaron o discurso do cura. En concreto, este factor está detrás do 35,2% dos accidentes mortais rexistrados nas vías galegas o ano pasado, que deixaron 104 falecidos. O humor do párroco da Ramallosa é unha cousa moi seria.