lunes. 13.07.2020 |
El tiempo
lunes. 13.07.2020
El tiempo

Pontón apela ao voto dos mozos como "motor do cambio galego"

Pontón, no encontro con mozos deste martes en Vigo. SALVADOR SAS (EFE)
Pontón, no encontro con mozos deste martes en Vigo. SALVADOR SAS (EFE)
A líder do BNG promete apoiar a emancipación cun banco público e un fondo social de vivendas

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, apelou este martes ao voto dos mozos como "o motor do cambio galego" nas eleccións autonómicas do 12 de xullo para "facer historia cunha muller nacionalista liderando o próximo Goberno do país" e deixar atrás "a precariedade e a emigración á que conducen as políticas do PPdeG".

Así o manifestou nun mitin en Soutomaior, acompañada pola cabeza de lista pola provincia, Luís Bará, e o número catro e portavoz municipal, Manuel Lourenzo.

"Somos a candidatura da mocidade e queremos ser tamén o Goberno que consiga que os mozos non teñan que seguir emigrando ou precarizados: queremos que teñan confianza no futuro, porque unha mocidade desesperanzada é o maior fracaso que podemos ter como sociedade", sentenciou Pontón.

A líder nacionalista tamén se referiu a que as enquisas sitúan o BNG como a formación con máis intención de voto entre a mocidade, unha tendencia que está convencida de que "se percibe na rúa, nos actos ao longo de todo o país e nas redes sociais, onde a xente nova está moi activa".

"Cada vez máis xente percibe que Galicia ten futuro se cremos en nós mesmas, en nós mesmos, se nos facemos valer; cada vez máis xente cansa da Galicia submisa, estancada e irrelevante que nos deixa o candidato do PPdeG mira cara ao BNG para poñer en marcha un proxecto de modernización e avance económico e social", dixo.

Bará, pola súa banda, destacou que Soutomaior é "un depósito de enerxía, optimismo, ilusión, compromiso e xenerosidade", tras o que fixo un chamamento aos simpatizantes para conseguir que, "casa por casa e persoa por persoa", todos os veciños "acudan a votar o 12-X a permitir un cambio galego que faga historia".
 

Un banco público e un fondo social de vivendas
Pontón tamén participou este martes nun encontro con mozos en Vigo, onde se comprometeu a crear un banco público de vivenda para mobilizar as que hai en baleiras Galicia e un fondo social de inmobles públicos, dos que unha parte se destinará a alugueres para mozos. O obxectivo é eliminar un dos obstáculos aos que se enfronta a mocidade en Galicia, como é o acceso a unha vivenda e a posibilidade de emanciparse en condicións dignas. 

A líder do BNG tamén anunciou outras medidas centradas nese colectivo, como a aprobación dun plan de emprego xuvenil, para acabar coa "precariedade tan brutal" que lle afecta. Nese sentido, puxo como exemplo a súa aposta por que a remuneración dos contratos en prácticas sexa equiparable ao salario mínimo interprofesional. 

Así mesmo, defendeu a posta en marcha dun "plan retorna" para que o talento galego, especialmente novos investigadores que tiveron que emigrar do seu país nos últimos anos, poidan retornar a Galicia e ter un horizonte de "esperanza" e "futuro".

Pontón apela ao voto dos mozos como "motor do cambio galego"
comentarios