Os casos activos de coronavirus que afectan ás escolas infantís, colexios e institutos de Galicia manteñen a súa tendencia á baixa, xa que este venres descenderon a 1.249 en toda Galicia, cinco menos que na xornada anterior. Aínda así, hai tres aulas máis pechadas pola pandemia, co que o se sitúan en 73.
Atendendo aos datos publicados este venres pola Xunta, como principal foco na comunidade educativa sitúase o CEIP Fogar de Carballo, que contabiliza 26 infectados —un máis que hai un día— e tres aulas clausuradas. Esta situación levou ás autoridades sanitarias a realizar un cribado por PCR no centro.
Tamén destaca polo número de positivos detectados o colexio privado plurilingüe Apóstolo Santiago de Vigo, que reporta 15 positivos —dous menos— e oito aulas pechadas.
Precisamente, a área sanitaria viguesa segue sendo a zona con máis casos activos na comunidade educativa: 359 infeccións (dúas menos que o xoves) e 19 unidades en corentena (+1).
O CEIP Fogar de Carballo suma outro positivo e continúa como principal foco de Galicia, cun total de 26
A área da Coruña, mentres, continúa á alza con 244 positivos (+5) e 18 aulas afectadas (unha menos), co CEIP Fogar de Carballo como principal foco.
A zona de influencia de Lugo mantén os mesmos 176 casos que tiña o xoves pero con tres aulas pechadas máis, co que chega a 17. Nos datos da Xunta nesa provincia segue figurando unha instalación pechada —a única de Galicia—, a escola infantil Golfiños, aínda que a súa directiva informou de que abriu este luns.
No que respecta aos centros da área de Pontevedra, estabilizouse o seu ascenso e conta 152 casos de coronavirus (dous menos) e oito aulas en corentena. Tras esta sitúase a de Santiago, con 118 contaxiados (dous menos) e sete unidades en corentena.
En canto á área de Ourense, a súa comunidade educativa rexistrou aumentos nos últimos días ata situarse este venres nos 105 casos activos, dous máis que o xoves, aínda que se manteñen en dúas as clases pechadas.
Finalmente, a zona de Ferrol, con 95 positivos (-11) e dúas clases clausuradas, sitúase como a de menor incidencia da pandemia no ámbito educativo.