Os depósitos da Costa da Morte piden poder extraer percebe o 22 para salvar a campaña

Un percebeiro desafía as olas. EP

En xogo está o sustento duns 500 percebeiros que no que vai de mes e en novembro "puideron chegar ao tope" de capturas "moi poucos días" debido ás malas condicións do mar

As confrarías de Corme, Malpica, Laxe, Camelle, Fisterra, Muxía, Camariñas e Caión solicitaron por escrito á Consellería do Mar que lles permita saír a extraer percebe o sábado 22, ante a previsión de que os temporais e as mareas mortas dos días o 17, 18 e 19 lles entorpecen o traballo e, en consecuencia, os ingresos da campaña do Nadal.

Segundo explicou a AGN o patrón maior de Corme, Roberto Vidal, a decisión foi adoptada polos depósitos de Muxía, Camelle, Laxe e Malpica nunha reunión celebrada en Corme o venres e, a continuación, os representantes de Camariñas, Fisterra e Caión expresaron o seu respaldo. En xogo está o sustento duns 500 percebeiros que no que vai de mes e en novembro "puideron chegar ao tope" de capturas "moi poucos días" debido ás malas condicións do mar. "Nun día de traballo, nestas datas, podes ingresar entre 600 e 700 euros, o que che dá para vivir nun mes do inverno", constata Vidal, que indica que esta semana en Corme o quilo do marisco grande alcanzou os 94 euros, en tanto que o pequeno quedou en 45. No Roncudo, o límite máximo diario por mariscador é de seis quilos.

Á espera de que o departamento que dirixe Rosa Quintana lles comunique a súa decisión nas próximas horas, o descanso obrigatorio dun mínimo de 48 horas semanais podería supor unha traba, tendo en conta que, por norma, o domingo os profesionais deben parar. Este sábado Vidal adiantaba que as confrarías de Ferrol e Lira, en Carnota, estaban a sopesar solicitar tamén poder traballar o 22.

ol e Lira, en Carnota, estaban a sopesar solicitar tamén poder traballar o 22.