O PPdeG pide ao Goberno central a suspensión cautelar da subida da luz en Galicia

Bombilla. AEP

A iniciativa reclama esta interrupción ata que se resolva o recurso presentado pola Xunta contra a orde estatal sobre os suplementos territoriais

O Grupo Parlamentario Popular pediu ao Goberno central que exclúa a Galicia da orde pola que se establecen suplementos territoriais nalgunhas autonomías en relación coas peaxes de acceso de enerxía eléctrica correspondentes ao exercicio de 2013. 

Así o demanda nunha iniciativa rexistrada no Parlamento de Galicia, na que pide a suspensión cautelar desta subida da luz en Galicia mentres non se resolva o recurso presentado pola Xunta contra a orde estatal pola que se fixan tributos e recargas considerados a efectos dos suplementos territoriais. 

Neste recurso, o Goberno galego indica que as diferentes taxas de contido ambiental que aplica non gravan as actividades ou instalacións destinadas a subministración eléctrica e, polo tanto, non se poden incluír nos suplementos territoriais para que sexan abonados polos consumidores galegos. 

OUTRAS DEMANDAS. Ademais, os populares galegos tamén presentaron outra iniciativa na que se solicita que se constitúa de inmediato o grupo de traballo anunciado polo Goberno español no que se integre ás comunidades para analizar o modelo de transición enerxética máis racional, no que teñan cabida as centrais técnicas máis eficientes, entre elas as de Meirama e As Pontes. 

Así mesmo, reclama que se instauren canto antes os mecanismos de capacidade suprimidos, pagos por dispoñibilidade, de acordo cos criterios establecidos pola UE para as centrais térmicas de carbón máis viables económica e ambientalmente. 

E, para rematar, solicita que se faga efectivo o mecanismo de apoio, por importe de 20 millóns de euros, para a redución das emisións ambientais nas centrais térmicas de carbón.