Premio de Investigación 2018 para o químico galego Luís Liz Marzán

Nacido en Lugo en 1965, conta con numerosas distincións e desde 2012 traballa no País Vasco

Luis Liz Marzán. AEP
photo_camera Luís Liz Marzán. AEP

O químico lucense Luís Liz Marzán foi distinguido co Premio Nacional de Investigación de 2018, o que constitúe un novo fito na súa brillante carreira. 

Este experto en nanopartículas nacido en Lugo en 1965 e que traballa desde 2012 no País Vasco conseguiu en concreto o Premio Nacional 'Enrique Moles' de Ciencia e Tecnoloxía Química. Liz Marzán é profesor de investigación de Ikerbasque e director científico do Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriales CIC biomaGUNE.

Por unanimidade, o xurado premiouno "polas súas numerosas e significativas contribucións aos campos da Química Coloidal e a Nanociencia. A súa actividade dedicouse a abrir novas fronteiras científicas na nanoescala desde un punto de vista químico, co obxectivo de resolver problemas emerxentes de elevada importancia tecnolóxica, en particular no campo biomédico".

Liz Marzán estudou Química na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doctorou en 1992. Foi investigador postdoctoral na Universidade de Utrecht e profesor na Universidade de Vigo ata 2012, cando se integrou no Centro de Investigación de Nanomateriales. O seu campo de especialidade céntrase nas nanopartículas e o desenvolvemento de aplicacións na área biomédica.

En 2011 xa foi o primeiro galego en ser distinguido polo Consello Europeo de Investigación cunha das selectivas axudas Advanced Grandt. Conta con outras distincións: os premios Humboldt, DuPont, Burdinola e o ACS Nano Lectureship Award. Ademais, esta lucense figura entre os sesenta científicos españois máis citados no mundo. 

O astrofísico Rafael Rebolo e o experto en computación Ramón López de Mántaras son outros dous dos científicos distinguidos cos Premios Nacionais de Investigación 2018, uns galardóns que se convocaron por última vez hai catro anos e que foron recuperados polo ministro de Ciencia, Pedro Duque. Tamén foron premiados Pedro Jordano Barbudo e Pablo Artal Soriano. 

Comentarios