A presa independentista María Osorio sairá en liberdade o 7 de setembro

A becerrense está a piques de cumprir seis anos de condena por pertenza a Resistencia Galega

Videoconferencia ofrecida por María Osorio en 2014. AEP
photo_camera Videoconferencia ofrecida por María Osorio en 2014. AEP

A presa independentista María Osorio, natural de Becerreá, sairá en liberdade o próximo 7 de setembro tras cumprir case seis anos de prisión.

Clasificada como FIES-3 –presos vinculados a bandas armadas–, Osorio, de 31 anos, pasou por diversos cárceres españois nos últimos anos, unha situación de "dispersión" denunciada por varios colectivos en defensa dos presos independentistas galegos e pola eurodeputada Lidia Senra, entre outros políticos. 

Osorio, xunto á súa parella Antón Santos, a Eduardo Vigo e a Roberto Rodríguez Fiallega, foron os primeiros condenados por formar parte de Resistencia Galega, un grupo considerado terrorista pola Xustiza española.

A Audiencia Nacional decretou penas de dez anos para a lucense e o seu compañeiro, e de 18 para os outros dous, que sumaron o delito de tenencia de explosivos con fins terroristas aos de pertenza ao grupo e falsificación de documentos.

Con todo, en abril de 2014 o Supremo rebaixou as penas —a trece anos para estes últimos e a sete para Osorio e Santos— por non estar adecuadamente motivadas. Entendeu o tribunal que os recorrentes carecían de antecedentes e que a organización á que pertencen estaba en fase "incipiente" e tiña "unha incidencia limitada" na sociedade. 

Tras esta resolución, Osorio, que cumprira máis dun ano en prisión preventiva tras a súa detención en Lugo en decembro de 2011, debía regresar ao cárcere, pero o non fixo.

Estivo un tempo na clandestinidade e en maio de 2014, tras ser posta en busca e captura, realizou unha videoconferencia pública na que anunciou que non se presentaría no cárcere para o cumprimento da condena. Un mes despois foi detida en Ponferrada. 

Comentarios