Primeiro día sen falecementos por coronavirus en Galicia en mes e medio

O último día en que non se rexistrou ningunha vítima foi o 17 de marzo, segundo os datos de Sanidade
Pasillos do Hula. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Os corredores do Hula, baleiros. VITORIA RODRÍGUEZ

A xornada deste mércores pasou a ser a primeira sen falecidos por covid-19 en Galicia desde o 17 de marzo. Sanidade non informou de ningunha morte polo virus nin no seu balance do mediodía nin no da noite.

Desde que se rexistrou a primeira vítima do virus na comunidade, o 14 de marzo en Vigo, só houbo dous días sen falecidos segundo os datos que foi ofrecendo Sanidade: o 15 e o 17 de marzo. Desde entón e ata este mércores en todas as xornadas houbo que lamentar algunha morte. 

O servizo galego de saúde ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para urxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Ademais, incide nas medidas de autoprotección e hixiene para intentar deter os contaxios como o lavado frecuente de mans, especialmente logo de toser ou soarse. Tamén hai que cubrirse o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao toser ou estornudar; e se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. é preciso, ademais, evitar tocarse os ollos, o nariz e a boca coas mans. 

Comentarios