Protestas e rexeitamento en bloque da poboación galega contra o peche de centros educativos

Outes, As Pontes e O Porriño foron localidades protagonistas nesta xornada de manifestacións

A comunidade educativa galega trasladou a súa indignación polo inesperado peche de centros educativos en localidades como Outes, As Pontes e O Porriño, que acolleron entre o xoves e o venres diversas protestas, concentracións e actos reivindicativos para esixir á Consellería de Educación que rectifique a súa decisión.

A localidade das Pontes acolleu unha concentración que congregou a boa parte das familias, alumnos e veciños do CPI Monte Caxado, un dos centros afectados, co apoio de diversos representantes políticos, como o portavoz de En Marea no Parlamento de Galicia, Luís Villares. 

Previamente, celebrouse un pleno extraordinario no que todos os grupos políticos, entre eles o propio PP, trasladaron o seu rexeitamento ao peche do centro. O rexedor local, Valentín González Formoso (PSOE), instou á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a rectificar e manter aberto o Monte Caxado, cuxa supresión presenta "un grave erro". "Págano os nosos fillos e familias se non dan marcha atrás na súa decisión", manifestou.


Os centros prexudicados deixaron de lado a alegría do fin de curso para protestar por esta "inxustiza"


Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Manuel Escourido, reprochou da "responsabilidade única desta decisión" ao consellerio de Educación, Román Rodríguez, pedindo "desculpas e solidariedade" aos veciños da localidade asegurando que, "en días como este", tócalle representar unhas siglas das que non sente "especialmente orgulloso".

"TOTALMENTE PREXUDICIAL". Outro dos centros afectados polo peche será o CEIP Emilio Novarqüés de Cruceiro de Roo, de Outes, no que decenas de pais, alumnos e profesores substituíu o tradicional festival de fin de curso por un acto reivindicativo e unha manifestación que percorreu as rúas da localidade.

Alí deuse lectura a un texto aprobado por unanimidade do Claustro do centro dun peche "totalmente prexudicial para a comunidade educativa". Tamén iniciaron unha recollida de firmas en rexeitamento a esta decisión e rexistrouse unha petición en change.org.

Esperanza, unha representante da ANPA do centro, sinalou que tiveron coñecemento do peche "á unha da tarde" da pasada xornada, e que todos os veciños están "sorprendidos" tendo en conta os resultados e o bo facer do corpo docente.

"Din que queren ensino de calidade, pero é que xa a hai no centro actual", criticou, recordando que os alumnos "gañaron diversos premios" polo seu traballo.

Así mesmo, a comunidade educativa estuda convocar unha protesta ante a Consellería de Educación o vindeiro martes e ante o Goberno local de Outes, ademais dunha recollida de firmas para sumar "todos os apoios que poidan".

Tamén saíron á rúa as familias do CPI Ribeira, no Porriño, co apoio de veciños e da propia corporación municipal. Outro afectados foi o CPI Tomás de Lemos, de Ribadavia, onde se eliminaron os ensinos de secundaria, que pasará a converterse en Centro de Infantil e Primaria, e o alumnado de ESO (uns 178) pasará a integrarse no IES O Ribeiro.

APOIOS. Outras entidades, como Compromiso por Outes ou a Federación Galega de Asociacións de Directivos de Colexios de Ensino Público, emitiron comunicados de repulsa e en solidariedade cos veciños afectados polos peches.

Ademais de pais e alumnos, os propios sindicatos de profesorado CIG-ENSINO, FETE-UXT e CC.OO Ensino trasladaron a súa oposición ás medidas anunciadas pola Consellería de Educación.

En declaracións, José Fuentes (CC.OO.) esixiu á dimisión do director xeral responsable de tomar esta decisión, arremetendo contra unha "falta de planificación impresionante" da Consellería de Educación.

Comentarios