Reflotan un barco en Muxía, afundido debido a unha vía de auga

No momento do afundimento non había ninguén a bordo da embarcación

Os efectivos de urxencia reflotaron na madrugada deste sábado un barco afundido no porto de Muxía.

A embarcación, denominada Hermanos Chambá, foise a pique ás 3.00 horas da pasada madrugada, tras sufrir unha vía de auga, segundo  informou Emerxencias de Galicia.

O 112 Galicia recibiu a alerta dos feitos a través dos efectivos de Protección Civil. Segundo explicaron, no momento do afundimento non había ninguén a bordo do barco.

O persoal do Centro de Atención ás Urxencias do 112 informou os feitos a Salvamento Marítimo, que enviou ao lugar a embarcación Salvamar Altair.

O afundimento tamén foi posto en coñecemento do Servizo de Gardacostas de Galicia e da Garda Civil.

Ao redor das 5.00 horas da madrugada, os efectivos mobilizados conseguiron reflotar a embarcación, que quedou amarrada no porto, ata onde se desprazou o seu patrón para facerse cargo da situación. 

Comentarios