Rescatado en Cervo tras quedar atrapado nunha zona de difícil acceso nunha praia

Tivo que ser rescatado no helicóptero de Salvamento Marítimo

Playa de Rueta, en Cervo. AMA
photo_camera Praia de Rueta, en Cervo. AMA

Os servizos de urxencias rescataron durante a noite deste venres un home que quedou atrapado nunha zona de difícil acceso na Praia de Rueta, en Cervo.

O 112 Galicia recibiu a chamada dun dos seus familiares ao fío das 22:45 horas, na que indicaba que o home saíra ás 18:00 horas do seu domicilio e atopábase en paradoiro descoñecido.

Engadía no seu relato que atoparan aparcada a súa furgoneta na Praia de Rueta.

Ademais, os efectivos do GES de Cervo contactaron co 112 Galicia para dar conta da desaparición.

A partir de aí, os xestores do 112 Galicia informaron os feitos ao 061-Urxencias Sanitarias, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Garda Civil e a Salvamento Marítimo, que mobilizou un helicóptero ata o areal.

Ademais, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención dos Bombeiros de Viveiro, de Barreiros e das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Foz, Burela e Viveiro.

No operativo de busca, que coordinou a Garda Civil, participou tamén a Unidade Operativa de Drones da Axencia Galega de Urxencias (AXEGA).

Segundo indicóuselle ao 112 Galicia, o home foi localizado cun forte golpe na cabeza nunha zona rochosa e de difícil acceso, polo que tivo que ser rescatado no helicóptero de Salvamento Marítimo. Unha vez na aeronave, o ferido foi evacuado ao Aeroporto de Alvedro, onde unha ambulancia avaliou o seu estado de saúde.

Comentarios